Nova: A oitava edición de No bico un cantar reúne un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós

27/05/2024

A oitava edición de No bico un cantar reúne un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós

O grupo, formado por estudantes dos conservatorios galegos de música profesional, de centros de ensino musical de concellos galegos e parte do coro infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia, interpretará poemas de Otero Pedrayo, Risco e Álvaro de las Casas

A actuación recupera o carácter presencial interrompido pola pandemia e celebrarase o venres, ás 18,00 horas, no castelo de Ribadavia

A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a dirección do mestre Maximino Zumalave e o acompañamento da formación Hércules Brass

Ribadavia (Ourense), 27 de maio de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Casa do Concello de Ribadavia a oitava edición de No bico un cantar, unha proposta apoiada pola Xunta de Galicia que reunirá este venres a un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós coa interpretación de poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “é máis cun concerto”. Neste senso, o director xeral de Cultura puxo en valor que se trata dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, desde o ensaio da mañá do venres e ata as 18 horas do concerto da tarde, “gozan do lugar de acollida e da vivencia dunha paixón compartida; a música”.

Anxo M. Lorenzo incidiu en que este proxecto ten unha clara vocación de divulgación da cultura galega e por iso destacou que se lles poña voz e música este ano —a primeira edición tras a de 2019 pola irrupción que supuxo a pandemia— aos creadores da denominada Xeración Nós “para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista nacida no abrente do século XX e dos seus artífices”.

Esta proposta que adobía música, poesía e mocidade lévase celebrando ao abrente do verán dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia co obxectivo de unir a música e a tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios profesionais de música e os centros do ensino musical de toda Galicia.

Así, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobrarán vida no castelo de Ribadavia nas voces de nenas e nenos procedentes de conservatorios das sete cidades galegas; de alumnado de cinco centros de ensino musical de municipios de toda Galicia, entre o que se atopa o de Ribadavia; e parte do Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Deste xeito, segundo se precisou na presentación desta mañá, este coro infantil interpretará Coita de Álvaro delas Casas; Panxoliña, de Vicente Risco; e Ao lonxe e Canta nos hourizontes a  vos nova de Ramón Otero Pedrayo.

Ademais, e como todos os anos, contarase cunha obra de encarga da que se vivirá en Ribadavia a súa estrea absoluta. O autor escollido é o compositor Aaron Siebert, quen se detivo nuns versos do señor de Trasalba para ofrecer unha obra nova que cobrará vida na voz dos mozos intérpretes.

De remate, interpretarase o Maio longo de Rosalía de Castro, o xa consagrado himno anual do certame que servirá de ponte para a edición do vindeiro 2025.

No bico un cantar

Unha frase do poema de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Consello da Cultura Galega que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas da nosa terra pero desde un punto de vista musical.

Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario da publicación de Follas novas de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista do concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas. En 2017 fixouse nos poetas mindonienses e, en 2018, nos alalás e transcorreu en Betanzos. A sétima edición celebrouse en Tui e uniu mocidade galega e portuguesa para enxalzar e reforzar os vencellos culturais e patrimoniais que nos unen o país veciño.

Comparte