Nova: Anxo M. Lorenzo salienta o papel na dinamización cultural do rural das XXXIX Xornadas de folclore
31/07/2024
Anxo M. Lorenzo salienta o papel na dinamización cultural do rural das XXXIX Xornadas de folclore
Do 12 ao 21 de agosto levarán a 16 concellos da provincia de Ourense música e danzas tradicionais de Colombia, México, Panamá, O Senegal, Serbia e Taiwán
O director xeral de Cultura pon en valor o “intercambio cultural” que supón esta iniciativa incluída na campaña ‘CulturON’ da Xunta de Galicia
Ourense, 31 de xullo de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación das XXXIX Xornadas de folclore, unha iniciativa que terá lugar co apoio da Xunta de Galicia e que, do 12 ao 21 de agosto, levará música e danzas tradicionais provenientes de agrupacións de Colombia, México, Panamá, Senegal, Serbia e Taiwán por 16 concellos da provincia de Ourense.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o papel destas xornadas para a dinamización cultural do rural, xa que as seis agrupacións, integradas por 182 artistas, percorrerán —ademais da cidade de Ourense— os concellos de Allariz, A rúa, Bande, O Barco, O Carballliño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia.
Neste senso, salientou que en todas estas localidades se ofrecerá un espectáculo “de relevancia internacional” e explicou que esta programación, ao percorrer estes 16 concellos, “completan a totalidade das 12 comarcas que oficialmente conforman a provincia de Ourense. “É o único festival capaz de ofrecer actuacións durante dez días continuos nos que a música de raíz é a protagonista”, enxalzou.
Aposta por unha cultura accesible e descentralizada
Ademais, valorou o carácter descentralizador desta iniciativa “ofrecendo deste xeito a única posibilidade de que os habitantes de localidades tan afastadas como Manzaneda, Viana ou Entrimo, poidan coñecer o folclore e a cultura tradicional doutros países”.
Anxo M. Lorenzo precisou que, durante o festival, cada noite realizaranse dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia. Nestas actuacións, a agrupación amosará a música, o baile e o vestiario tradicional do seu país, polo que tamén destacou o papel divulgador destas xornadas e o “intercambio cultural” que supón tanto para os veciños e veciñas das localidades onde se celebra, “como para as propias agrupacións destes países que entran en contacto coa realidade da nosa música e tradicións”.
Finalmente, lembrou que este festival forma parte da campaña CulturON que ten en marcha a Xunta de Galicia para os meses de verán cunha media de 30 actividades diarias.