Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor en Foz a celebración da Feira do Libro para dinamizar a lectura
16/08/2024
Anxo M. Lorenzo pon en valor en Foz a celebración da Feira do Libro para dinamizar a lectura
Trátase da penúltima parada do circuíto cultural impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia
A praza Conde Fontao acollerá ata o luns 19 de agosto propostas, como espectáculos, presentacións, sinaturas de libros e sesións de teatro infantís
Todas elas están inmersas no ‘CulturON’, o programa de actividades da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o verán
Foz (Lugo), 16 de agosto de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Foz, do ciclo impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. No encontro, que supón a penúltima parada no percorrido por 13 localidades ata finais deste mes, destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara á dinamización da lectura.
A cita inaugurouse coa lectura do pregón a cargo do escritor Lois Pérez. Deste xeito, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “este tipo de iniciativas que potencian a adquisición de libros e que ademais enchen as cidades, durante varios días, de multitude de propostas culturais para todos os públicos”.
No marco deste encontro, Anxo M. Lorenzo agradeceu o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha vintena de actividades entre as que destacan as sinaturas de libros que traerán a máis de vinte escritores ata as casetas que se atopan na praza Conde Fontao. Neste senso, sinalou que este tipo de iniciativas impulsadas polo Goberno galego a prol da lectura “buscan a promoción do sector libreiro e tamén dar a coñecer a ampla produción literaria da Comunidade”.
Deste xeito, o director xeral resaltou algúns dos obxectivos, que se enmarcan no Plan de dinamización para incrementar os índices de lectura en Galicia, como son consolidar a industria galega do libro e implicar a creadores, editoras, librarías e distribuidoras no fomento da lectura así como impulsar a produción editorial galega, incluíndo os novos formatos.
Calendario do libro en agosto
A de Foz é a décimo segunda parada do circuíto que este ano inclúe no programa 13 localidades e que se enmarca no CulturON, a campaña que conta cun amplo abano de iniciativas culturais de todos os tipos e para todos os públicos impulsado neste verán pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con máis de 30 actividades diarias.
Esta feira permanecerá aberta ao público na praza Conde Fontao ata o 19 de agosto, de 17,30 a 22,00 horas, con máis dunha vintena de autores e autoras. O calendario das Feiras do Libro rematará este mes coa última parada en Monforte de Lemos (do 21 ao 24).