Nova: O CGAC amosa a obra do inventor, poeta visual e cinemista Val del Omar
24/04/2015
O CGAC amosa a obra do inventor, poeta visual e cinemista Val del Omar
Organizada polo Museo Reina Sofía e pola Obra Social La Caixa, itinera por diferentes centros de arte do territorio español
Santiago, 24 de abril de 2015.- ‘Val del Omar: la mecamística del cine’ é o título da nova mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), un proxecto expositivo organizado polo Museo Reina Sofía e pola Obra Social La Caixa que se poderá ver ata o vindeiro 30 de agosto no centro da Consellería de Cultura e Educación e que será inaugurada esta tarde ás 20:30 horas.
A obra do inventor, poeta visual e ‘cinemista’ Val del Omar (Granada, 1904 – Madrid, 1982) centra “esta exposición itinerante que nos achega a figura dun pioneiro do cinema, que abriu novos horizontes nas técnicas da cinematografía, entre outras exploracións no campo sonoro”. Así o afirmou hoxe Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación da mostra, que tamén contou coa participación de Pilar Vaquero, sobriña do artista e representante do Arquivo Val del Omar; Cristina Cámara, comisaria da mostra; e Antonio Lema, director de Área de Caixabank.
A exposición realiza un percorrido pola obra de Val del Omar a partir dun concepto que sobrevoa toda a súa traxectoria: a mecamística. Outro neoloxismo (creado a partir de “mecánica” e “mística”) co que o artista granadino se refería ao universo das máquinas, ás que se enfrontaba, do mesmo xeito que á realidade, cunha actitude mística, buscando ver máis alá do inmediato da tecnoloxía.
A obra de José Val del Omar (Granada, 1904-Madrid, 1982), de carácter poliédrico, visionaria e rica en matices, é o resultado das súas facetas de inventor, poeta visual e cinemista. Con este neoloxismo Val del Omar quixo unir a actividade do alquimista e a do cineasta e definir deste xeito a súa orixinal aproximación ao cinema: a través da investigación tecnolóxica e dunha estética experimental propia.
Val del Omar inicia a súa actividade cinematográfica nos anos vinte, momento no que fai públicas as súas primeiras invencións técnicas, pero é nos anos trinta, desde a súa participación nas Misións Pedagóxicas –o proxecto de democratización cultural máis importante levado a cabo pola Segunda República–, como realizador de documentais e proxeccionista de películas, cando xorde unha fascinación polo cinema que o acompañará toda a súa vida. Tras a Guerra Civil, Val del Omar continúa as súas investigacións no campo da técnica audiovisual, especialmente do son, para retomar, xa nos anos cincuenta, o seu labor como realizador.
Itinerancia
A exposición é unha selección do legado que a familia de José Val del Omar depositou no Museo Reina Sofía, co compromiso por parte do museo de achegar a súa obra ao público desde novas plataformas e espazos, máis aló da sala de cinema. A mostra organizada polo Museo Reina Sofía e producida pola Obra Social La Caixa en colaboración co CGAC emprende a súa itinerancia por tres institucións museísticas españolas unidas para dar a coñecer a figura de Val do Omar.
Tras a súa estancia no MEIAC (Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea), a mostra exhíbese agora no CGAC ata o 30 de agosto e finaliza o seu percorrido na Laboral (Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón) durante o último trimestre do ano.
Percorrido expositivo
A visita iníciase cun apuntamento das actividades que Val do Omar realizou para as Misións Pedagóxicas a través da película Estampas (1932) e catro fotografías que documentan esta experiencia. A continuación exhíbense as películas ‘Acariño galaico’ (1961, 1981-1982, 1995), ‘Fuego en Castilla’ (1958-1960), Aguaespejo granadino (1953-1955) e unha curtametraxe titulada Variaciones sobre unha granada (ca. 1979), realizada enteiramente no centro neurálxico do laboratorio PLAT e exemplo da obra en proceso dos últimos anos de traballo de Val del Omar.
Ao longo deste percorrido móstranse algúns dos seus inventos, como o Atril do Fonema Hispánico, un sistema de gravación de sons, colaxes, fotografías do artista e fotografías de rodaxe. Na última sala está recreado o laboratorio PLAT (siglas de Picto Lumínica Audio Táctil) cos elementos orixinais. Este lugar foi o estudio do artista desde 1975, onde traballou e viviu ata o seu falecemento en 1982. Trátase dun espazo insólito onde se inclúen todo tipo de cámaras, aparellos de proxección, lentes, polarizadores, filtros, obturadores e mobiliario, ademais da cela-dormitorio do propio Val do Omar.