Nova: Anxo M. Lorenzo celebra os intercambios literarios como un xeito de “estimular a creación de calidade”

13/09/2024

Anxo M. Lorenzo celebra os intercambios literarios como un xeito de “estimular a creación de calidade”

O director xeral de Cultura mantivo un encontro co escritor irlandés Dylan Brennan, que goza dunha estadía na Residencia Literaria 1863 xestionada por Yolanda Castaño

Ao tempo, outro autor galego, Isaac Xubín, está xa en Irlanda para gozar da mesma experiencia impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

A Coruña, 13 de setembro 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, coñeceu esta mañá ao escritor beneficiario do intercambio literario entre Galicia e Irlanda, Dylan Brennan, que xa se atopa na Comunidade para gozar da súa estadía neste programa internacional impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Fíxoo nun encontro no que tamén estivo a Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño, responsable da Residencia Literaria 1863, entidade que acolle ao poeta irlandés durante este mes de setembro.

Tal e como explicou o representante de Cultura da Xunta, tamén un autor galego, Isaac Xubín, está xa en Irlanda adquirindo novas experiencias no campo da escritura co obxectivo, dixo, “de reforzar a proxección internacional das nosas letras e fortalecer a presenza da nosa literatura máis alá de Galicia”. Un xeito, apuntou, “de incentivar o talento e estimular unha creación poética de calidade traballando en novas contornas”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo lembrou que se trata dunha convocatoria que vai pola súa cuarta edición, a primeira realizada con Xeorxia e as seguintes con Irlanda. Nela participan poetas nados ou residentes neste último país ou en Galicia que teñan polo menos un libro de poesía publicado.

Así, mentres que Dylan Brennan traballará este mes nun apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña, Isaac Xubín fará o mesmo na campiña irlandesa, no Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, que fora a casa familiar do director teatral que lle dá nome e se emprega agora como retiro artístico.

Sobre Dylan Brennan e Isaac Xubín

Dylan Brennan, de orixe irlandesa e con residencia en México, escribe prosa e poesía e ten participado en festivais literarios nestes dous países, así como en Colombia, Nicaragua, Italia ou Estados Unidos, ademais de ter recibido bolsas de mobilidade de Culture Ireland.

O seu libro Blood Oranges foi publicado en 2014 por The Penny Dreadful Press e recibiu a Bolsa de Poesía Ireland Chair of Poetry.  É autor do limiar dunha re tradución de El llano en llamas, de Juan Rulfo (2019), e coeditor do volume Rethinking Juan Rulfo’s Creative World: Prose, Photography, Film (2020). A súa obra foi traducida ao castelán, italiano e grego.

Pola súa banda, Isaac Xubín, natural da Coruña, é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre de Política Lingüística. Ten publicado obras de poesía como A cadencia da fractura (2017) ou Xenealoxía dun intruso (2020), e de narrativa curta.

Ademais, conta con varios recoñecementos como o Premio de Poesía da Universidade de Vigo 2002 e 2004 ou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón 2010 co poemario Con gume de folla húmida, ao que hai que engadir outros traballos como son o dicionario bilingüe galego euskera (2011) ou a publicación de varias traducións, entre as que destacan Sete poetas vascos e Tempo de exilio.

Residencia Xacobeo para tradutores

A Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega é outra das iniciativas impulsadas pola Xunta en colaboración coa Residencia Literaria 1863, a entidade con sede na Coruña xestionada pola poeta Yolanda Castaño. Este ano, na cuarta edición, a gañadora foi a editora norteamericana Lindsay Semel, encargada de traducir ao inglés a novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín e que gozou dunha estadía na cidade herculina no mes de marzo.

O obxectivo desta proposta é promocionar a tradución de obras literarias en galego e proxectalas no estranxeiro.  

Comparte