Nova: López Campos enxalza o labor da Xunta na recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia

17/09/2024

López Campos enxalza o labor da Xunta na recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia

O titular de Cultura do Goberno galego comprométese a dar continuidade aos traballos de investigación e divulgación da gran variedade de xacementos históricos da Comunidade

Salienta o “importante papel” da campaña Que siga contando a nosa historia para fomentar entre a sociedade a importancia de coidar este tipo de patrimonio, impulsar o seu coñecemento e incentivar boas prácticas e iniciativas de preservación

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 17 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o “inesgotable labor” que desenvolve a Xunta de Galicia na recuperación e posta en valor “do amplo e diverso patrimonio arqueolóxico que se atopa repartido polo territorio da nosa Comunidade”. Así o salientou na súa visita ao castro da Cividá, no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, acompañado polo director de Turismo, Xosé Merelles.

O conselleiro lembrou que Xunta de Galicia ten investido, a través de distintos departamentos, 60.000 euros nos últimos anos neste castro co obxectivo de impulsar e consolidar o turismo no rural galego promovendo ademais a diversificación turística polo territorio. En concreto, o departamento de Cultura achegou a metade deste investimento para levar a cabo traballos de limpeza, documentación, e sinalización tanto dos restos deste xacemento, como tamén do petróglifo de arte rupestre Pedra dos Mouros, localizado no asentamento e declarado Ben de Interese Cultural.

Pola súa parte, o director de Turismo de Galicia precisou que os outros 30.000 euros son aportación do seu departamento para a posta en valor das construcións do castro da Cividá para o seu aproveitamento turístico. Neste senso, enmarcou esta actuación na aposta que está a facer a Xunta de Galicia por apoiar e axudar os concellos galegos para que tiren proveito dos seus recursos turísticos a través dunha liña de axuda anual para concellos de menos de 10.000 habitantes que este ano conta cun investimento global de 2M€ repartidos en accións en preto de 70 concellos como Cerdedo-Cotobade.

Salientou tamén que actuacións como esta de Cerdedo-Cotobade animan a outras entidades a rehabilitar e manter o patrimonio arquitectónico e cultural ao tempo que se suma ao abano de recursos turísticos de Galicia outros de incomparable valor histórico.

Pola súa banda, López Campos defendeu estas actuacións encadradas no Plan de actuacións arqueolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia e que considerou “fundamentais” no obxectivo do Goberno galego “non só de recuperar e preservar” os xacementos arqueolóxicos, senón de “contribuír a difundir entre a cidadanía o importante valor que ten este patrimonio histórico”.

Co apoio a este tipo de intervencións, tal e como garantiu  López Campos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “dá continuidade aos traballos destes últimos anos destinados a promocionar a riqueza cultural de Galicia e seguir investigando sobre a gran variedade de xacementos históricos que se atopan na Comunidade”.

Campaña de sensibilización de coidado do patrimonio

O conselleiro enmarcou nestas liñas de actuacións a campaña Que siga contando a nosa historia, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha para fomentar entre a sociedade a importancia de coidar o patrimonio, impulsar o coñecemento dos bens e incentivar boas prácticas e iniciativas de preservación.

López Campos fixo fincapé en que con este tipo de campañas preténdese reivindicar “o inmenso valor que ten na configuración da nosa historia e identidade para as xeracións actuais e futuras”. En concreto, referiuse aos obxectivos de “fomentar a concienciación da cidadanía; impulsar o coñecemento sobre estes bens; e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”.

Comparte