Nova: A Xunta adianta a celebración do Día Internacional da Tradución coa entrega do Premio Plácido Castro
28/09/2024
A Xunta adianta a celebración do Día Internacional da Tradución coa entrega do Premio Plácido Castro
O secretario xeral da Lingua participa no acto de recoñecemento ás galardoadas Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra ‘As iluminacións’, de Arthur Rimbaud
A iniciativa, que conta coa colaboración do Goberno galego, promove a normalización lingüística e busca enriquecer o universo literario galego
Cambados (Pontevedra), 28 de setembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou, na súa véspera, o Día Internacional da Tradución co acto da entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XXII edición recaeu en Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a colaboración do Goberno galego “en iniciativas que promoven o uso da lingua galega en facetas moi diversas”. Neste senso, puxo en valor a "gran contribución que galardóns coma este fan ao proceso de normalización lingüística e ao enriquecemento da literatura galega”.
No marco deste acto, Valentín García felicitou ás galardoadas por ter participado e acadado “unha obra que adquire a calidade e a relevancia esixidas neste certame”. Ademais, agradeceu o traballo da Fundación Plácido Castro pola organización desta iniciativa “referente consolidado no sistema literario de Galicia”, sinalou o secretario xeral da Lingua.
As autoras
Tamara Andrés (Poio, 1992) é unha escritora e tradutora galega graduada pola Universidade de Vigo e titulada no Mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras estudar o Mestrado para o Profesorado, dedicouse ao ensino de idiomas. Conta con multitude de obras publicadas de todas as modalidades e con varios recoñecementos polos seus escritos.
Oriana Méndez (Vigo, 1974) é unha filóloga que estudou na Universidade de Santiago de Compostela que comezou a súa labor poética na revista A Caramuxa e, posteriormente, continuaría en publicacións colectivas. Á súa produción literaria suma múltiples publicacións poéticas individuais e colectivas, e foi galardoada en varias ocasións como no certame de poesía Rosalía de Castro de Padrón en 2019.