Nova: A Xunta colabora co Concello do Porriño no recoñecemento á figura de Antonio Palacios
14/10/2024
A Xunta colabora co Concello do Porriño no recoñecemento á figura de Antonio Palacios
O Consello dá luz verde ao convenio coa administración local polo que se achegan 170.000€ á conmemoración do 150 aniversario do nacemento do arquitecto
A terra natal do homenaxeado organiza varias actuacións e actividades, entre elas a posta en marcha dunha sala de exposicións
Ademais, no municipio tamén se celebran os cen anos da Casa Consistorial, a obra máis emblemática deixada polo seu ilustre veciño
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa así na súa liña de apoio ás iniciativas que contribúen á difusión da arte, a historia e o coñecemento
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2024.- A Xunta colabora coas celebracións do 150 aniversario do nacemento do arquitecto Antonio Palacios mediante un convenio co Concello do Porriño, terra natal do homenaxeado, polo que fai unha achega de 170.000 euros para o desenvolvemento das distintas actuacións programadas pola administración local, algunhas delas xa desenvolvidas nos últimos meses. Así se deu conta hoxe na reunión do Consello, na que se destacou a posta en marcha dunha sala de exposicións como principal proxecto no municipio.
Así, a través desta aportación, a meirande parte da cantidade orzamentada polo concello porriñés (178,674€) para levar a cabo as súas propostas, o Goberno galego involúcrase coa celebración do ano Palacios co obxectivo de poñer en valor a un galego considerado unha das figuras máis importantes da arquitectura española da primeira metade do S.XX, autor de grandes obras tanto dentro como fóra de Galicia. Nesta liña, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa co seu cometido de apoiar aquelas accións encamiñadas a divulgar e difundir o patrimonio, a cultura, a arte, a historia e o coñecemento a prol da sociedade.
Neste senso, O Porriño tamén conmemora neste 2024 os cen anos da inauguración do edificio máis emblemático que lle deixou o seu ilustre veciño, a Casa Consistorial. Así, as iniciativas programadas nestes meses de celebración ao redor do arquitecto, van desde os actos conmemorativos polo centenario deste inmoble, ata actividades culturais, educativas, festivas, divulgativas e de promoción.
O proxecto máis destacado no marco deste recoñecemento é a posta en marcha dunha sala de exposicións dedicada a Antonio Palacios, á que se destina, polo tanto, a gran parte da axuda da Administración autonómica. Unha partida que se inviste tanto na adaptación do local como na musealización do espazo, enfocado en mostrar a traxectoria profesional e persoal do porriñés con pezas como cadernos de traballo, textos, debuxos, planos ou maquetas.
Ademais deste gran fito, a programación de actividades tamén vén sendo intensa durante estes meses con diversas propostas como roteiros que conducen polo legado do autor ou un certame nacional de graffitis. Iniciativas que se completan co impulso á creación de contido dixital e lanzamento de redes sociais.
Cómpre lembrar tamén que no pasado mes de xuño celebrouse, coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a primeira edición dos Premios Antonio Palacios impulsados polo concello do Porriño para honrar a súa memoria distinguindo a distintas persoas e entidades destacadas pola súa contribución á sociedade no eido da cultura, a empresa, o deporte e compromiso social.
Antonio Palacios e a súa obra
Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874, estudou o Bacharelato en Pontevedra e titulouse en arquitectura en Madrid, cidade á que se mudou de novo coa súa familia e onde faleceu en 1945. Foi alí onde desenvolveu unha destacada carreira sen esquecerse da súa terra.
En Galicia, ademais da Casa do Concello do Porriño, destaca o antigo Teatro García Barbón, no centro de Vigo, como unha das súas construcións máis coñecidas. Así mesmo, cómpre subliñar que na actualidade a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, está a desenvolver proxectos de restauración en varios bens da autoría de Palacios como o Templo Votivo do Mar, en Nigrán; o templete de San Luis, no Porriño, e a fonte de Troncoso, en Mondariz Balneario.
Mentres, na capital de España deixou un importante legado, entre o que se atopa o Palacio de Comunicaciones, o Círculo de Bellas Artes ou a actual sede do Instituto Cervantes, ademais do deseño de gran parte das estacións do Metro de Madrid.