Nova: A Xunta conmemora o aniversario do nacemento de Neira Vilas coa lectura continuada de ‘Memorias dun neno labrego’
03/11/2024
A Xunta conmemora o aniversario do nacemento de Neira Vilas coa lectura continuada de ‘Memorias dun neno labrego’
Coincidindo con esta data, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebra hoxe o Día da lectura
Vila de Cruces (Pontevedra), 3 de novembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe nas homenaxes feitas ao autor Xosé Neira Vilas coincidindo coa celebración do 96 aniversario do seu nacemento. Nos actos, que se levaron a cabo na sede da Fundación que leva o seu nome, fíxose unha lectura continuada de Memorias dun neno labrego, unha das obras máis universais da literatura galega e, de feito, a máis traducida e editada.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, felicitou á Fundación Neira Vilas polo labor que desenvolve e que “segue mantendo vivo o recordo e o espírito dun dos máis grandes escritores das letras galegas”. Neste sentido, Valentín García salientou a figura do crucense que “grazas a actividades como as de hoxe, poñemos de manifesto o valor que deu e continúa dando á literatura da nosa terra e ao uso da nosa lingua”.
No marco deste acto, o secretario xeral da Lingua lembrou que coincidindo con esta data a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude festexa tamén o Día da lectura. Con este motivo, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa creación de obras en galego así como o impulso que recibe o sector grazas ás diferentes convocatorias de premios como o Xosé Neira Vilas de literatura infantil que pechou hoxe o prazo de recepción de textos.
O libro en galego máis editado e traducido
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), foi un recoñecido e premiado escritor galego, membro da Real Academia Galega, e galardoado coa Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia. Conta cunha ampla produción narrativa entre a que destaca Memorias dun neno labrego, que acabou converténdose no libro escrito en galego máis editado e traducido.
Esta obra, publicada en 1961, narra a historia de Balbino, un neno que medrou nunha aldea galega e que tivo que afrontar as dificultades da vida rural e a sociedade daquela época. Co tempo acabou converténdose nun clásico da literatura galega, onde se retrata a vida dunha xeración marcada pola emigración e a pobreza.