Nova: López Campos pon en valor o papel da cultura como “catalizadora activa” da vida nas cidades

21/11/2024

López Campos pon en valor o papel da cultura como “catalizadora activa” da vida nas cidades

Salienta que a pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada esta semana no Parlamento galego, garante esta accesibilidade cultural nas contornas rurais

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe o papel que xoga a cultura como “catalizadora activa” na dinamización da vida nas cidades. Fíxoo na inauguración da nova sala cultural de El Corte Inglés en Santiago de Compostela, á que asistiu acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Neste senso, López Campos destacou a programación cultural “ampla e diversa” coa que conta a capital galega, enxalzando o labor que levan a cabo institucións públicas como a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea ou o Museo das Peregrinacións e de Santiago, “cuxas actividades sempre se vén complementadas e enriquecidas coas accións desde outros ámbitos e entidades, tamén privadas”.

En todo caso, tamén salientou que o Goberno galego leva tempo traballando para que esta activa vida cultural que se vencella con máis intensidade ás contornas urbanas “tamén se poida desfrutar nas zonas rurais coa mesma accesibilidade”. Nesta liña, puxo o foco nas medidas que se van impulsar neste eido coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada esta semana no Parlamento de Galicia sen ningún voto en contra, e que permitirá crear este ano a Rede Adival de dinamización da cultura no rural.

Comparte