Nova: O Gaiás presenta o traballo das últimas residencias artísticas co foco na vivenda, a identidade de xénero, a escultura téxtil e creación de música con mapas

22/11/2024

O Gaiás presenta o traballo das últimas residencias artísticas co foco na vivenda, a identidade de xénero, a escultura téxtil e creación de música con mapas

Exercicios sonoros de cartografía inversa, de Pablo Seoane e Macarena Montesinos propón un manual musical para converter cartas náuticas en partituras

Na performance Deus te livre, Sergio Marey constrúe unha manta coa que xoga a reimaxinar a figura do poeta Fernando Pessoa desde unha perspectiva LGBTI+

A peza teatral CA-CO-FLEX, de Isabel Fernández, reflexiona sobre o acceso á vivenda co cartón como elemento poético e escenográfico

A deseñadora María Barros experimenta en Téxtil suspendido coa creación de esculturas de seda colgantes aplicando técnicas de alta costura

Os catro son beneficiarios das Axudas das Residencias Artísticas 2024 impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para apoiar a creación contemporánea e dotadas cunha achega de 8.000 euros por proxecto

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024

A Cidade da Cultura presentou hoxe venres o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir das cartas náuticas do litoral galego.

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou xunto coas artistas seleccionadas nunha xornada aberta ao público para mostrar o traballo desenvolvido neste meses de estadía no Gaiás. Durante o acto, subliñou o compromiso do Goberno galego para manter e fortalecer o apoio a creadoras e creadores, “convertendo o Gaiás non só nun espazo privilexiado para a exhibición artística, senón tamén nun auténtico viveiro de proxectos culturais”.

Cada iniciativa seleccionada nas Axudas das Residencias Artísticas do Gaiás recibiu unha achega económica de 8.000 euros e contou co acompañamento dunha persoa mentora experta, así como cos espazos, recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura para o seu desenvolvemento.

Un manual de navegación musical

Pablo Seoane e Macarena Montesinos abriron as presentacións na mañá do venres con Exercicios sonoros de cartografía inversa, un concerto singular no que usaron como partitura a ruta trazada sobre unha carta náutica da costa de Ferrol. No transcurso da súa residencia, ambos músicos desenvolveron un manual que traduce as coordenadas, as mareas, a profundidade das augas, os naufraxios, faros e liñas de costa a matices musicais como notas, tempo, dinámicas e harmonías.

Este libro de instrucións naceu da investigación sobre a cartografía mariña que conserva a Biblioteca Dixital de Galicia desde o século XVII aos nosos días, e está pensado para que calquera persoa con coñecementos musicais poida usalo para ler e trazar rutas no océano como composicións musicais. O proxecto contou coa mentoría de Beatriz R. Fontán.

O artista multidisciplinar Sergio Marey presentou en formato de performance e instalación o seu proxecto Deus te livre, que contou co acompañamento de Edu Valiña. Unha manta que entretece con fío de chourizos e lá retallos da súa biografía persoal e da de Fernando Pessoa presidiu o espazo escénico desta orixinal proposta. Nela, Marey reimaxina a figura do poeta luso como persoa non binaria, facendo fincapé nas conexións históricas, culturais, lingüísticas e incluso espirituais que comparten Galicia e Portugal, ao tempo que reivindica o rural como un espazo de liberdade para as persoas LGBTI+.

Teatro de cartón á busca de novos fogares

A presentación dos proxectos completouse na tarde coa obra teatral Ca-Co-Flex!, de Isabel Fernández e o Téxtil suspendido da deseñadora de moda María Barros. A primeira é unha obra en construción que emprega os triángulos de cartón como elemento poético e escenográfico para falar da problemática de acceso á vivenda nas xeracións máis novas.

Entrelazando o íntimo co colectivo, e sen desbotar o humor, a obra supón o primeiro traballo dun equipo formado pola directora Isabel Fernández coa artesá Julia Marín e as actrices e actores Ziggi Iglesias, Alixa Ladson, Mateo Rodríguez, Lúa Pagán e Hugo González, que recibiu o apoio do actor e dramaturgo Santiago Cortegoso.

Pola súa parte, María Barros deu a coñecer a serie de figuras escultóricas, realizadas en seda e algodón, ás que deu forma empregando técnicas de alta costura e coa dificultade engadida de non usar como soporte o armazón corporal dun manequín. A artesá e escultora Mercedes Vicente foi a mentora do proxecto.

Comparte