Nova: A Xunta proxecta a cultura galega en Iberoamérica cunha delegación na Feira do Libro de Guadalaxara

24/11/2024

A Xunta proxecta a cultura galega en Iberoamérica cunha delegación na Feira do Libro de Guadalaxara

O Goberno galego promove a asistencia de cinco autores convidados que participarán en presentacións, conferencias e entrevistas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración o vindeiro sábado, día 30, do evento editorial máis relevante a nivel iberoamericano

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia proxecta unha vez máis a cultura galega a nivel internacional coa súa participación a partir do vindeiro sábado na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica que se estenderá ata o 8 de decembro.

Así, por parte da delegación promovida polo Goberno galego, acudirán a esta cita como autores convidados Eva Mejuto, Manel Loureiro, Manel Cráneo, Pedro Feijóo e José María Paz Gago, que participarán en diferentes actividades como presentación, conferencias e entrevistas. Ademais, contarase cun expositor propio para exhibir unha selección dos títulos máis relevantes dos últimos tempos das principais editoriais galegas como son Galaxia; Hércules; Bululú; Demo; El Patito; Medulia e Entre nubes y cuentos. A estes libros únenselle outras publicacións de autores galegos mercadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Ademais, grazas ás axudas da Xunta para a asistencia a eventos deste tipo, tamén viaxarán a México nove persoas beneficiarias da subvención, entre as que se atopan editores, ilustradores e escritores.

A participación de Galicia nesta feira de recoñecido prestixio, en cuxa inauguración estará presente o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o sábado día 30, enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Administración autonómica a través do sector editorial. Neste senso, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 200.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos con proxección internacional, concretamente para ter presenza, ademais de na Feira do Libro de Guadalaxara (México), na de Boloña (Italia) e na de Bos Aires (Arxentina), ás que se lle suma o Ficomic de Barcelona.

Comparte