Nova: López Campos destaca a memoria colectiva “como parte da identidade e cultura dun pobo”

11/12/2024

López Campos destaca a memoria colectiva “como parte da identidade e cultura dun pobo”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou en Lugo na presentación do libro ‘Los maragatos de la puerta de San Pedro’ escrito polo investigador Xulio Xiz

Lugo, 11 de decembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación do libro Los maragatos de la puerta de San Pedro, unha obra do investigador Xulio Xiz onde recolle a historia desta familia de comerciantes que, tal e como destacou o representante da Xunta, “é unha mostra do importante que é a memoria colectiva como parte da identidade e da cultura dun lugar, neste caso da cidade de Lugo”.

Deste xeito, López Campos referiuse, máis alá das figuras relevantes recoñecidas pola historia, á “contribución no desenvolvemento dunha cidade e ao seu progreso por parte de persoas que como membros da veciñanza foron deixando pegada na sociedade”. Así, resaltou que as vías comerciais que estableceron os coñecidos como maragatos supuxeron tamén “unha vía de intercambio cultural e de coñecemento”.

Neste senso, o representante de Cultura do Goberno galego felicitou ao autor desta publicación  polo seu “esforzo e dedicación” para deixar documentada nesta obra a chegada da familia Pérez Carro a Galicia e o seu asentamento en Lugo, onde a día de hoxe seguen a conservar, de xeración en xeración, a cordelería del Maragato.

 

Comparte