Nova: López Campos celebra a apertura dun novo referente cultural en Lugo coa inauguración do auditorio ‘Fuxan os ventos’

20/12/2024

López Campos celebra a apertura dun novo referente cultural en Lugo coa inauguración do auditorio ‘Fuxan os ventos’

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude lembra os case 25 M€ que o Goberno galego investiu na construción e na dotación deste equipamento

Pon en valor a aposta do Executivo autonómico por crear, mellorar ou modernizar as infraestruturas culturais de todo o territorio da Comunidade

Lugo, 20 de decembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe á inauguración do Auditorio municipal de Lugo Fuxan os ventos, ao que erixiu como novo e importante referente cultural para a cidade e toda a provincia, grazas á relevante contribución realizada polo Goberno galego.

O responsable de Cultura da Xunta lembrou os case 25 millóns de euros que o Executivo autonómico destinou para a construción desta infraestrutura de preto de 20.000 metros cadrados e tamén para a dotación de equipamento, unhas actuacións que encadrou na aposta do Goberno galego por crear, mellorar e modernizar as infraestruturas culturais de todo o territorio da Comunidade.

López Campos considerou esencial dotar a Galicia das mellores infraestruturas co obxecto de poder desenvolver unha programación e unha oferta de calidade. Neste senso, puxo en valor que esta é a estratexia do Goberno galego para todo o territorio. En concreto, referiuse á posta en marcha de proxectos como o Teatro Fraga de Vigo, que procura ser un referente en toda Comunidade, e a outras iniciativas polos concellos que contribúen a mellorar as opcións e oportunidades culturais da poboación que vive en núcleos máis pequenos. Todo isto vai na liña do plan para modernizar as infraestruturas culturais no que xa se está traballando desde a Consellería de Cultura.

Comparte