Nova: A D.O. Ribeiro colabora na divulgación da exposición Camiño. A orixe

04/05/2015

A D.O. Ribeiro colabora na divulgación da exposición Camiño. A orixe

A mostra na Cidade da Cultura conta con obras de Murillo ou Durero para dar a coñecer o xermolo da peregrinación nas rutas xacobeas

  • Camiño. A Orixe

Santiago, 4 de maio de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe (CRDO) Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración en torno á exposición “O Camiño. A Orixe”, que se pode visitar na Cidade da Cultura.

En virtude deste acordo, o CRDO realizará unha doazón de 10.000 euros para axudar á promoción, divulgación, apoio e mecenado dunha mostra que viaxa ata o comezo do fenómeno xacobeo. Pola súa parte, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia comprométese a difundir a colaboración do Consello Regulador nas actividades que se realicen no marco de dita exposición.

Esta aportación económica súmase ás xa realizadas polo resto dos patrocinadores –Fundación Gaiás, ABanca, Gas Natural Fenosa, Sabadell Gallego, Red Eléctrica, El Corte Inglés, Pastor-Grupo Banco Popular, Audasa e Vodafone–, así como ás dos colaboradores Televés, Correos, Renfe e Deputación da Coruña.

“Enocións by Ribeiro”
Dentro deste convenio enmárcase a iniciativa “Enocións by Ribeiro”, un ciclo patrocinado por esta Denominación de Orixe a través do cal se explora a relación entre as emocións do Camiño, o mundo da arte e a cultura do viño. Guadi Galego, Pepe Solla ou Carlos Blanco pasarán por esta actividade, que comeza este xoves, e na que se crea un novo concepto –o de “enocións–, que xorde dunha mestura entre “enoloxía” e “emocións”.

“O Camiño. A Orixe” foi inaugurada o pasado 13 de marzo e permanecerá aberta ao público ata setembro deste ano no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. Dun xeito didáctico, a exposición trata de explicar a orixe da ruta xacobea e o desenvolvemento dos camiños a Santiago desde a Idade Media ata a actualidade. Nela tamén se fai unha análise da figura de Santiago como apóstolo, da cidade de Santiago como meta e berce do culto xacobeo e da figura do peregrino como verdadeiro protagonista do Camiño.

A exposición reúne obras de grandes mestres da historia da arte, como Alberto Durero ou Bartolomé Estebán Murillo, así como xoias do patrimonio histórico, como o Gallardete de Lepanto, a bandeira que ondeaba no mastro da nao que capitaneaba as naves cristiás na famosa batalla de Lepanto, ou unha armadura de Carlos V.
 

Comparte