Nova: Belén do Campo supervisa as obras de renovación da cuberta e da sancristía que se están executando na igrexa de Santa María de Azougue cun apoio da Xunta de case 450.000€
09/01/2025
Belén do Campo supervisa as obras de renovación da cuberta e da sancristía que se están executando na igrexa de Santa María de Azougue cun apoio da Xunta de case 450.000€
Este proxecto dá continuidade a outras intervencións, levadas a cabo entre os anos 2021 e 2023, no retablo que tamén contaron cunha achega do Goberno galego de ao redor de 75.500 euros, o que eleva o investimento da Xunta nesta igrexa a máis de 525.000 euros.
A representante do Goberno autonómico destacou que esta igrexa está protexida ao ter a consideración de ben de interese cultural
Betanzos (A Coruña), 9 de xaneiro de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez Monteserín, supervisou, esta mañá, as obras, que se están executando, de renovación da cuberta e da sancristía da igrexa do Santa María de Azougue, realizadas grazas a un apoio do Goberno galego de case 450.000 euros. A previsión é que estean rematadas a finais do mes de marzo. Tal e como explicou a delegada, este proxecto dá continuidade a outras intervencións, levadas a cabo entre os anos 2021 e 2023, no retablo que tamén contaron cunha achega do Goberno galego de ao redor de 75.500 euros, o que eleva o investimento da Xunta nesta igrexa a máis de 525.000 euros.
A Igrexa de Santa María de Azogue, de estilo gótico, edificouse entre a segunda metade do século XIV e a primeira metade de século XV.
A delegada da Xunta explicou que os traballos que se están realizando permitirán resolver os problemas de entrada da auga na sancristía, eliminar as humidades no teito e nos paramentos verticais. Polo que se está levando a cabo a substitución das cubertas do templo, a sancristía e o acceso ao campanario. Os encontros cos paramentos verticais resólvense con remates de chapa de cobre e a colocación das novas pezas de tella con espuma especial e ganchos de aceiro inoxidable. No caso da cuberta de acceso ao campanario, substitúense tamén as viguetas, táboas e rastreis de madeira de castiñeiro.
A obra tamén contempla a limpeza das fachadas do templo. Inclúe a retirada da vexetación, limpeza manual dos paramentos e os elementos escultóricos e rexuntado con morteiro de cal naquelas zonas onde sexa necesario e o das xuntas das carpinterías e colocación de vidros nas ventás que faltan.
Tamén se está levando a cabo a colocación de babeiro na cabeza do resalte do muro sur a Impermeabilización na espadana-campanario con chapa de cobre, formando vaso e con aliviadoiro ata os ocos das campás. Ademais, a cuberta é transitable e está resolta cunha lámina bituminosa e pavimento de pedra. Para resolver os problemas de humidade proponse facer un trasdosado interior ventilado cun canle para a auga que se poida filtrar. Tamén se vai impermeabilizar a azotea.
Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asinou unha adenda ao convenio de colaboración coa Diocese de Santiago de Compostela para poñer ao dispor os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.
Como expuxo a delegada, a intervención encádrase no compromiso da Xunta de Galicia coa conservación patrimonial neste Concello. “Somos a administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais en Betanzos”, recalcou Belén do Campo.