Nova: O Teatro Nacional Dona Maria de Lisboa estrea Sax tenor, versión lusa da obra de Vidal Bolaño
04/05/2015
O Teatro Nacional Dona Maria de Lisboa estrea Sax tenor, versión lusa da obra de Vidal Bolaño
O principal teatro público do país veciño produce este espectáculo, no marco do acordo institucional para o intercambio de autores fundamentais das dramaturxias galega e portuguesa
José Martins dirixe un elenco de 14 intérpretes para a posta en escena desta versión, que poderá verse na sede do TNDM II do 7 ao 24 de maio
Dentro deste proxecto, programaranse ao longo do mes diversas actividades para o intercambio entre as culturas das dúas beiras do Miño
Santiago, 4 de maio de 2015.- O Teatro Nacional D. Maria II (TNDM II) de Lisboa estrea o vindeiro xoves 7 a versión lusa da obra de Roberto Vidal Bolaño ‘Saxo tenor’, primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público do país veciño. Esta produción, que poderá verse na capital lusa ata o día 24, forma parte do acordo que o TNDM II mantén co Centro Dramático Galego (CDG) para o intercambio de autores fundamentais de ambas as dramaturxias e dentro do que a compañía institucional galega está a representar ‘Xardín suspenso’, de Abel Neves.
José Martins é o director escénico de ‘Sax tenor’, que el mesmo traduciu ao portugués xunto ao responsable do CDG, Manuel Guede Oliva. Martins volve, así, poñerse á fronte dun espectáculo con autoría de Vidal Bolaño, do que xa dirixira ‘Mar revolto’ para o CDG, ademais de protagonizar como actor ‘A burla do galo’, tamén producido pola compañía da Xunta de Galicia.
Espectáculo de gran formato
Na montaxe de ‘Saxo tenor’ para o Teatro Nacional D. Maria II, o director portugués conta cun total de 14 intérpretes (João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe) para lle dar vida aos numerosos personaxes desta “desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e putas”, tal e como foi subtitulada no seu día polo propio autor. Rui Francisco é o deseñador da escenografía e do vestiario, mentres que José Carlos Nascimento asina a iluminación.
O texto de Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) foi proposto polo Centro Dramático Galego para esta colaboración institucional co Teatro Nacional D. María II como un dos textos claves da ampla obra do que é un dos máis importantes dramaturgos galegos contemporáneos. Definido pola compañía pública portuguesa como “herdeiro lexítimo de Ramón María del Valle Inclán”, o autor e director galego escribiu esta peza en 1991 a modo de esperpento do século XX, cunha trama que se desenvolve á sombra da catedral compostelá. O texto foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e levado a escena por Teatro do Aquí, a compañía de Roberto Vidal Bolaño, baixo a súa dirección.
Tras a súa estadía na sala Garret do TNDM II, ‘Sax tenor’ porá rumbo a Galicia para ser representada no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 29 e 30 de maio. Ao mesmo tempo, o espectáculo ‘Xardín suspenso’ do CDG viaxará ata a sede do D. Maria II en Lisboa, onde poderá verse do 28 ao 31 deste mes.
Programación para o intercambio cultural
Ademais, no marco da estrea de ‘Saxo tenor’ en Lisboa, a Consellería de Cultura e Educación e o Teatro Nacional Dona Maria II programan este mes de maio un conxunto de actividades que transcenderán o ámbito estritamente teatral para abordar as relacións entre a cultura galega e a portuguesa desde diversos ámbitos. Destacados profesionais de ambos os países participarán no ciclo ‘Galicia-Portugal, escenarios para un encontro’, que se desenvolverá durante tres xornadas, os días 12, 19 e 26 de maio, ás 19 horas, no Salón Nobre do TNDM II.
Na primeira xornada, as complicidades, relacións e interaccións entre as culturas das dúas beiras do Miño serán obxecto de análise na mesa redonda ‘Galicia e Portugal, culturas en diálogo’, moderada por Samuel Rego, subdirector xeral da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Portugal, e na que están previstas as intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega; José Carlos Vasconcelos, xornalista, avogado e político portugués e Javier Rioyo, director do Centro Cervantes de Lisboa.
A literatura e a música serán as protagonistas da segunda sesión. Baixo o título de ‘Voces compartidas’, o programa ofrecerá o día 19 un recital poético a cargo de catro recoñecidas escritoras do panorama literario actual como son Maria João Cantinho, Eva Veiga, Yolanda Castaño e mais Alba Cid, que se completará cun concerto de Xoán Curiel. O músico e compositor galego, que actuará acompañado do artista brasileiro Sérgio Tannus, presentará algúns dos temas que formarán parte do seu novo traballo discográfico, ‘Estou lá’.
Roberto Vidal Bolaño poralle o ramo ao programa, xa que na última xornada se proxectará o filme ‘Doentes’, unha fita protagonizada polos actores galegos Xosé Manuel Olveira “Pico” e por Antonio Durán “Morris”, producida no ano 2011 baixo a dirección de Gustavo Balza sobre o texto do dramaturgo galego. Previamente á proxección, o director do Centro Dramático Galego compartirá co público a súa visión particular sobre as claves e a singularidade da obra de Vidal Bolaño.