Nova: O evento ‘Conecta+’ preséntalles 11 guións de autoría galega a 14 produtoras e distribuidoras de todo o Estado co apoio da Xunta
25/01/2025
O evento ‘Conecta+’ preséntalles 11 guións de autoría galega a 14 produtoras e distribuidoras de todo o Estado co apoio da Xunta
O programa comezou onte con reunións individuais entre profesionais da creación e representantes das empresas e canles de televisión asistentes
Os proxectos que se deron a coñecer recibiron apoio do Goberno galego a través da convocatoria para a escrita de obras audiovisuais do ano 2024
Pontevedra, 25 de xaneiro de 2025
A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización-CREA desenvolve esta fin de semana no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra a 10ª convocatoria do seu encontro Conecta+, no que conta unha vez máis coa colaboración da Xunta de Galicia para poñer en contacto profesionais dos ámbitos da escrita, da creación e da produción co obxectivo de propiciar alianzas estratéxicas que poidan facer avanzar os proxectos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación e benvida oficial desta nova edición canda os representantes das demais institucións e entidades implicadas, nun acto que lle deu paso á sesión de pitching na que se deron a coñecer 11 guións, explicados polos seus autores e autoras, todos eles beneficiarios das subvencións á escrita audiovisual do Goberno galego do pasado ano 2024.
Conecta+ abriuse onte cunha xornada de networking e reunións one to one nas que preto de 30 profesionais da dirección, creadoras e creadores e guionistas que están a construír proxectos de cine e televisión (ficción, transmedia, documental...) tiveron a oportunidade de presentarlles as súas iniciativas a 14 produtoras e distribuidoras relevantes de Galicia e do resto do Estado, que foron convidadas a esta xornada para acceder de primeira man a estas propostas e contribuír á súa chegada ás pantallas.
Traballo de acompañamento
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o traballo conxunto que veñen realizando a Administración autonómica e a directiva da asociación CREA para construír ano a ano este encontro, de xeito que xa é un evento clave no marco dos intereses estratéxicos para o desenvolvemento do sector. Neste sentido, sinalou que as 11 propostas incluídas no pitching foron seleccionadas entre os 30 proxectos que recibiron apoio a través da convocatoria de subvencións para a escrita de guións audiovisuais lanzada polo Goberno galego en 2024 e que distribuíu 270.000 euros entre obras orixinais ou adaptacións literarias que teñen como destino a produción de longametraxes cinematográficas ou de series para televisión.
Tamén sinalou que, deste xeito, se contribúe ao avance do audiovisual galego a partir dun investimento na fase inicial de guión, apoiando novos talentos e contribuíndo a consolidar aqueles que xa teñen traxectoria na escrita, ao tempo que se afianzan as fases previas dos proxectos cara ao desenvolvemento e produción de novos títulos que continúen na senda de éxitos e recoñecementos do sector en Galicia.
En concreto, no programa de Conecta+ figura a presentación de catro obras de autoría novel e sete obras de guionistas consolidados. Na primeira categoría están Damero maldito, de Clara Coira Suárez xunto a Miguel Casaseca; Cando prende a cacharela, de José Carlos Illanes Puente; O lobo nunca pide perdón, de Miguel Conde Lobato; e Chorima, de Alicia Úbeda Suárez. Os títulos defendidos por guionistas con experiencia acreditada son Pendiente de un hilo, de Pedro Corredoira; A nena que quería ser Fred Astaire, de Olga Osorio; Amparo, pero non Olvido, de Luis Millares Guerra; As almas perdidas, de Alexandre Cancelo Parcero; O mozo do peito ferido, de Carlos Piñeiro; Cocho, de Jacobo García Fernández; e Frank Soutelo, investigador privado, de Chema Gagino.
Ao remate da xornada anunciaranse os proxectos seleccionados polo xurado para participar en abril nas residencias artísticas Conecta LAB, que terán lugar na illa de San Simón organizadas tamén por CREA coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais. Nesta escolma incluirase, cando menos, unha das propostas galegas participantes en Conecta+.