Nova: O Gaiás convértese en escaparate do mellor cinema infantil internacional coas máis de 70 curtas da novena edición do festival ‘Pequefilmes’

25/01/2025

O Gaiás convértese en escaparate do mellor cinema infantil internacional coas máis de 70 curtas da novena edición do festival ‘Pequefilmes’

Dúas producións galegas compiten nas seccións a concurso canda filmes distinguidos nos principais festivais de animación do mundo

A programación levarase a cabo do 14 ao 16 de febreiro e organízase en tres salas por idades: ‘Vagalumes’, dirixida a nenas e nenos de 0 a 3 anos, ‘Miñocas’ a partir de 4 anos e ‘Fanecas’ para maiores de 7

As entradas están xa á venda en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de anunciar a programación para este ano do festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, con máis de 70 películas dunha vintena de países que converten a Cidade da Cultura no escaparate do mellor cinema de animación internacional para a cativada.

O festival decorrerá na fin de semana do 14 ao 16 de febreiro con proxeccións distribuídas en tres salas clasificadas por idades no Edificio CINC: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos; Miñocas, a partir de 4 anos; e Fanecas, dirixida ás nenas e nenos de 7 anos en adiante. As entradas xa poden adquirirse de maneira anticipada en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás, así como no propio CINC os mesmos días das sesións.

Representación da animación feita en Galicia

Competirán este ano en Pequefilmes medio cento de filmes procedentes de 22 países, ademais da vintena que se poderán ver fóra das dúas seccións a concurso do festival. Entre elas, hai un total de oito producións españolas e dúas galegas: Eu vou comigo, curta que aborda cuestións como a igualdade e a violencia machista dirixida por Chelo Loureiro, figura destacada na produción de cinema de animación en Galicia e gañadora de catro premios Goya. A segunda película galega é Aracne (ou a araña que non podía tecer), de Dani Iglesias, que conta a emotiva busca do que podería ser unha nova amiga para a solitaria araña Aracne.

Tamén galegos aínda que residentes en Navarra son os directores de Cafunè, Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares, candidata aos premios Goya 2025 que compite na sección Fanecas de Pequefilmes.

A maior parte das pezas poderán verse por primeira vez en Galicia, e moitas foron premiadas ou seleccionadas nos festivais infantís e de curtametraxes máis importantes do mundo, como Annency, o Animafest de Zagreb, o festival Clermont-Ferrand, o Stuttgart International Festival of Animated Film, o Chicago International Children's Film Festival, o Festival Aguilar ou os Premios Quirino de Animación Iberoamericana.

A mostra abrangue curtas cunha gran variedade de temáticas, estilos e técnicas —como o 2D e o 3D, o stop-motion tradicional e dixital e híbridas— que dan conta do enorme pulo innovador e artístico do sector da animación.

Cultivar novas audiencias para o cinema

Logo de nove edicións, Pequefilmes é unha das citas audiovisuais para a cativada con maior traxectoria en Galicia. Trátase, ademais, dunha iniciativa coa que a Xunta vén apostando por cultivar o gusto polo cinema desde idades temperás, e fomentar o espírito crítico das nenas e nenos, que son os encargados de votar e escoller as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

Ademais, coa intención de manter colaboración para traer a Galicia a mellor animación internacional, Pequefilmes proxectará tamén, fóra de concurso e de maneira gratuíta, unha selección de películas doutros importantes festivais europeos. Tanto esta como os tradicionais obradoiros de cinema para a cativada que completan a programación serán anunciados proximamente.

Na web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información detallada.

 

Comparte