Nova: A Xunta promove o contacto entre bibliotecas públicas e editoras para adquirir novidades en galego

26/01/2025

A Xunta promove o contacto entre bibliotecas públicas e editoras para adquirir novidades en galego

O Goberno autonómico activa a plataforma a través da que as entidades da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poden adquirir fondos de maneira máis doada

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se regulan as condicións de participación no sistema e se abre o período de incorporación de títulos

A convocatoria chega despois de que a semana pasada se anunciaran as axudas da Consellería de Cultura aos concellos para a compra de material bibliográfico

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2025

A Xunta activa a plataforma a través da que as empresas editoras interesadas e que cumpran os requisitos poden ofrecer as súas obras, en galego e en formato físico, ás entidades da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Así, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde pola que se regulan as condicións de participación e se abre o período de incorporación das novidades editoriais a este sistema.

Esta convocatoria chega logo de que a semana pasada se anunciaran as axudas aos concellos titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura para a adquisición de fondos, unha iniciativa á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 550.000€.

Neste senso, a plataforma dixital Nédito, que puxo en marcha o Goberno galego hai uns anos, permite a xestión en liña da compra das publicacións en lingua galega por parte das entidades locais para os seus equipamentos públicos, facilitando a visibilidade e a celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios, ao tempo que se inicia a súa comercialización. A través desta, envíanse as solicitudes dos concellos ás editoras, controlando o tempo de resposta e o gasto de cada administración do crédito concedido.

Deste xeito, con este mecanismo propiciase que as bibliotecas seleccionen os títulos máis recentes e que poidan ir axustando a súa colección ás preferencias das persoas usuarias. Tamén supón unha garantía para a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións. Baixo este procedemento queda asegurado, ademais, que as bibliotecas teñan acceso a exemplares de calidade, editados polo sector profesional, á vez que se controla as datas de edición e prezo.

A plataforma estará activada ata o 31 de outubro e as editoriais que participen na convocatoria non poderán incorporar libros con data posterior ao día 15 dese mes.

Adquisición de fondos para as bibliotecas públicas

As entidades pertencentes á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poderán adquirir a través desta plataforma libros que non sexan de texto ou outro material curricular e cuxa primeira edición estea publicada entre o 1 de setembro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambos incluídos. Ademais, o sistema tamén funciona como punto de información para calquera persoa interesada en coñecer o día a día de todo o que se publica en Galicia en galego e mesmo cando os concellos esgotan a subvención poden seguir contactando coas editoras para xestionar compras cos seus fondos propios.

Para a adquisición de fondos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina por unha banda 200.000 euros para a compra de libros e por outro lado dota con 350.000 outra liña para que as administracións locais se fagan para as súas bibliotecas con monografías, material sonoro, videogravacións, recursos electrónicos, partituras ou material cartográfico.

As solicitudes para acceder a estas axudas poden realizarse ata o vindeiro 21 de febreiro, cando se pechará o prazo.

Comparte