Nova: A Xunta inicia a difusión da nova edición do catálogo ‘Shorts from Galicia’ cunha selección de nove curtas
03/02/2025
A Xunta inicia a difusión da nova edición do catálogo ‘Shorts from Galicia’ cunha selección de nove curtas
Comeza o seu percorrido polo mercado profesional no festival francés de Clermont-Ferrand, referente internacional no ámbito das curtametraxes
A publicación de 2025 inclúe os novos traballos dirixidos por Gon Caride, Ashling Ocampo, Diego R. Aballe, Alba Domínguez, Daniel Pérez e Luis Morla, ademais de tres en desenvolvemento asinados por David Fidalgo, Paula Pereira e Bea Lema
Cinco destes títulos contan tamén con apoio económico do Goberno galego a través das convocatorias de subvencións á produción de proxectos audiovisuais e á promoción do talento galego neste sector
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2025
O mercado profesional do 47º Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que dá comezo hoxe nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión dunha nova edición do catálogo Shorts from Galicia, editado anualmente pola Xunta co obxectivo de promover internacionalmente a riqueza e variedade da produción audiovisual galega no ámbito das curtametraxes a través dunha escolma de nove títulos.
A publicación de 2025, que inclúe seis filmes xa finalizados e tres obras en fase de desenvolvemento, promoverase a través de encontros profesionais e reunións personalizadas cos representantes das principais distribuidoras internacionais e dos festivais acreditados no evento francés, no que Shorts from Galicia é unha das marcas autonómicas que forman parte do pavillón español.
Editado en inglés e tanto en formato físico como dixital, Shorts from Galicia ofrece información e acceso baixo demanda para o seu visionado profesional das curtametraxes Un novo día, de Gon Caride; La casa de la abuela, de Ashling Ocampo; Monstera, de Diego R. Aballe; Delincuente, de Nuria Vil con dirección de Alba Domínguez; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez, e O costume do traballo, de Luis Morla. A selección complétase con outros tres títulos, que verán a luz proximamente: Cumi, de David Fidalgo; Algo novo que contar, de Paula Pereira e O corpo de Cristo, no que Bea Lema adapta a obra coa que foi recoñecida en 2024 co Premio Nacional do Cómic.
Apoio ao talento emerxente
As nove curtametraxes que forman parte tanto do catálogo como do seu vídeo promocional foron seleccionadas por un grupo de traballo especializado entre os arredor de 70 títulos que se presentaron á correspondente convocatoria pública. Seguindo un criterio artístico, a través desta escolma búscase dar conta do bo momento creativo do noso audiovisual, no que continúan aflorando novos talentos ao abeiro dos itinerarios formativos e das diferentes liñas de subvencións autonómicas que acompañan os profesionais do sector durante todo o proceso da obra audiovisual.
Neste sentido, cinco das nove curtas de Shorts from Galicia contan co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mediante dúas das convocatorias da Axencia Galega das Industrias Culturais: Un novo día, O costume do traballo e Algo novo que contar recibiron axudas para a promoción do talento audiovisual, mentres que Monstera e Cumi foron subvencionadas a través da liña para producións e coproducións de proxectos galegos.
O mercado asociado ao festival de Clermont-Ferrand é a principal cita mundial para os profesionais que se dedican á produción, difusión e distribución de curtametraxes. Trátase, ademais, do primeiro dos encontros de 2025 incluídos na convocatoria de axudas para a comercialización e difusión en foros especializados e eventos de cine fóra de Galicia, que será publicada esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia.