Nova: Os XXIII Premios Mestre Mateo do Audiovisual terán a súa gala de entrega o 15 de marzo en Lalín co apoio da Xunta
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
06/02/2025
Os XXIII Premios Mestre Mateo do Audiovisual terán a súa gala de entrega o 15 de marzo en Lalín co apoio da Xunta
A Academia Galega do Audiovisual organiza unha nova edición destes galardóns, á que concorren 199 obras e 536 profesionais
O espazo Lalín Arena acollerá por vez primeira este evento, que dirixirá a coreógrafa Marta Alonso e será conducido pola actriz e presentadora Teté Delgado baixo o lema ‘O audiovisual en movemento’
A serie ‘Rapa’ e as longas ‘As Neves’, ‘Honeymoon’ e ‘+ Cuñados’, producidas co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, suman 40 das candidaturas finalistas
Pontevedra, 6 de febreiro de 2024
A Academia Galega do Audiovisual deu hoxe a coñecer as candidaturas finalistas dos seus XXIII Premios Mestre Mateo, así como os detalles da cerimonia de entrega que terá lugar no Concello de Lalín o vindeiro 15 de marzo e que conta co apoio da Xunta de Galicia para a súa organización como o gran evento anual para a visibilidade e o recoñecemento do sector.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe no Pazo Provincial de Pontevedra no acto de presentación desta gala xunto con Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia, e representantes do resto das institucións e entidades colaboradoras, ademais da actriz Susana Sampedro e o sonidista David Machado, encargados de facer lectura dos proxectos e profesionais finalistas que concorren ás 25 categorías convocadas nos premios.
Segundo se informou, a actual edición dos galardóns bateu o récord de candidaturas inscritas, tanto nos apartados de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes. A categoría de longametraxes mantivo a cifra do ano pasado, con 10 filmes, en tanto que as de programa de televisión, curtametraxe en imaxe real e curtametraxe de animación superaron a marca de aspirantes de toda a historia dos premios.
Auxe da produción en galego
Máis da metade das producións inscritas teñen a súa versión orixinal en galego, en concreto un 68,6%, o que supón un incremento de máis de tres puntos con respecto aos datos da pasada edición. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o labor do audiovisual na promoción do noso idioma propio, xa que as cifras achegadas equivalen a constatar que 2 de cada 3 proxectos presentados o fan en galego.
Jacobo Sutil tamén subliñou o papel de incentivo e de posta en valor do sector audiovisual que implican os Mestre Mateo, así como a comprobación da crecente participación feminina en todos os ámbitos da profesión. Fixo referencia, así mesmo, á importancia económica dun sector que cifrou en máis de 440 M€ de facturación e 2500 empregos directos na nosa Comunidade e defendeu a contribución das subvencións ao audiovisual que cada ano convoca a Xunta de Galicia para o avance do sector. Neste punto, avanzou a publicación o vindeiro 14 de febreiro no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria de axudas á produción e coprodución por valor de 3M€.
Descentralización cultural
A Academia Galega do Audiovisual anunciou que a gala deste ano sae por vez primeira do circuíto das grandes cidades galegas para ter lugar na capital da comarca do Deza, no espazo Lalín Arena. A dirección artística correrá a cargo da coreógrafa e bailarina Marta Alonso, con guión de Carlota Mosquera e Manolo Cortés, e estará conducida sobre o escenario pola actriz e presentadora Teté Delgado. Durante o acto, tamén foi presentado o cartel desta 23ª edición dos premios, que se desenvolve baixo o lema O audiovisual en movemento.
En canto aos títulos e profesionais finalistas desta 23ª edición, destacan na listaxe deste ano a serie Rapa e as longametraxes As Neves, Honeymoon e + Cuñados, producidas con subvención da Xunta de Galicia, que suman 40 das candidaturas.