Nova: A Xunta anuncia a convocatoria da terceira edición do Premio Relato Curto Nélida Piñón como pulo á creación literaria galega

08/02/2025

A Xunta anuncia a convocatoria da terceira edición do Premio Relato Curto Nélida Piñón como pulo á creación literaria galega

López Campos pon en valor o regreso deste galardón literario polo prestixio da autora da que leva o nome e pola calidade das obras e autores gañadores

Adianta como novidades que contará con máis contía económica, consolidará a categoría de dous accésits e ampliará o volume dos orixinais que se poden presentar

Visita a Biblioteca municipal e a Casa da Música, na que se investiron case 29.000 € en equipamento, no marco da estratexia de mellora das infraestruturas culturais

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 8 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a próxima convocatoria da terceira edición do Premio Relato Curto Nélida Piñón, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Cerdedo-Cotobade. Fíxoo nunha visita a este municipio pontevedrés, terra familiar da escritora brasileira, onde puxo en valor a importancia de recuperar, tras o parón causado pola pandemia, “este certame prestixioso, tanto pola autora á que homenaxea como polos autores aos que se ten recoñecido con este galardón”.

Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego salientou a relevancia literaria internacional de Nélida Piñon, e especialmente para as nosas letras “por terse erixido nun altofalante para o mundo dos importantes lazos entre a creatividade galega e lusófona e tamén como ponte entre as nosas letras e latinoamérica”. “Máis que merecido un premio co seu nome e máis que desexable a recuperación do mesmo”, valorou en referencia á autora, que foi Medalla Castelao, Príncipe de Asturias das Letras e académica de honra da Real Academia Galega.

Ao respecto, considerou que o prestixio da escritora constátase “na alta calidade” dos manuscritos presentados e premiados nas dúas edicións convocadas ata o momento. Deste xeito, fixo fincapé en como na primeira, na de 2015, resultou gañador “un autor emerxente como Xesús Castro Yáñez, quen no seu O vello e o minotauro xa reflectía un talento brillante consolidado en posteriores traballos”. Nesta mesma liña inscribiu o relato Anatema de Daniel Asorey, gañador da última convocatoria, en 2018, na que “a calidade dos traballos presentados exixiu xustamente que se outorgase dous accésits a 37 vidas breves de Rosendo Cid Menor e Roller Girl, de Xesús Fraga”, salientou.

Novidades da terceira edición

Por estes motivos, celebrou a convocatoria dunha terceira edición, da que avanzou novidades como o incremento da contía económica, que pasará de 6.000 a 7000€,  á vez que consolida as categorías de accésits, establecidas xa en 2018, e se amplía o número de páxinas dos manuscritos que se presenten ao concurso, que quedará establecido entre 50 e 90 páxinas, cando estaba fixado entre 20 e 30.

“A recuperación deste premio é unha boa nova para as letras e lectores galegos, porque de seguro que nesta terceira edición sairán publicacións imprescindibles, igual que a traxectoria dos seus autores”, aseverou o conselleiro. Ademais, aproveitou este anuncio para destacar o importante papel deste tipo de galardóns, “tanto para facer o xusto recoñecemento ás achegas tan relevantes para a literatura contemporánea de Nélida Piñón, como para prestixiar o galego, lingua dos participantes e premiados”.

Visita a Biblioteca municipal e Casa da Música de Tenorio

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, López Campos visitou a Biblioteca municipal de Cerdedo-Cotobade e tamén se achegou ata a Casa da Música de Tenorio, onde se investiron preto de 30.000 euros para melloras no seu equipamento, a través dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e este Goberno local.

O conselleiro salientou este investimento nesta infraestrutura “nun concello cunha importante bagaxe e tradición musical”, en referencia á Banda de Música de Tenorio, que conta con máis de 36 anos de traxectoria e ten participado en numerosos certames e festivais de España e Portugal.

De igual xeito, López Campos enmarcou este apoio ás instalacións municipais dentro das liñas de modernización e mellora das infraestruturas culturais que está a levar a cabo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Da mesma forma, incluíu estes investimentos nas medidas da nova Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia “que garante o dereito á cultura de todos os galegos e galegas, independentemente do territorio onde vivan” e nas actuacións da Rede Adival de dinamización cultural do Rural.

Comparte