Nova: López Campos visita a igrexa de Santa María de Sacos tras finalizar os traballos de restauración
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
08/02/2025
López Campos visita a igrexa de Santa María de Sacos tras finalizar os traballos de restauración
Destaca que a actuación, cun orzamento de 330.000€, forma parte do “compromiso do Goberno galego coa salvagarda dos bens patrimoniais e a súa posta en valor”
A intervención soluciona as patoloxías sufridas polo templo como consecuencia das situacións climáticas adversas e duns traballos feitos na segunda metade do S.XX
Iniciadas a finais do 2023, as obras conclúen agora tras corrixir problemas de humidades, eliminar filtracións de auga e recuperar elementos arquitectónicos
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 8 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a igrexa de Santa María de Sacos onde veñen de finalizar os traballos que a Xunta de Galicia financiou, cun orzamento de 330.000€, para resolver as patoloxías producidas polas inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo no inmoble.
O responsable de cultura do Goberno galego comprobou o resultado dunha intervención que, dixo, “é mostra do bo facer a prol da salvagarda dos bens culturais, históricos e relixiosos que gardan as igrexas estendidas por todo o territorio e que cómpre pór en valor”. Así, durante a visita ao templo no concello de Cerdedo-Cotobade, fixo fincapé no “compromiso” do Executivo autonómico “coa conservación e protección do rico patrimonio co que contamos en Galicia, especialmente no rural, e que debemos manter nas mellores condicións para que perduren no futuro”.
Tal e como lembrou López Campos, esta actuación era necesaria debido, por unha banda, ás situacións climáticas adversas que causaron deterioros na igrexa e, por outra, polas consecuencias duns traballos realizados durante a segunda metade do século XX para evitar a entrada de auga e o exceso de humidade cos que, explicou, “o monumento sufrira cambios a nivel estético e artístico que tratamos de recuperar tanto para a propia veciñanza como en beneficio de toda a sociedade e da nosa cultura”.
Neste senso, o conselleiro de Cultura salientou o esforzo que nos últimos ano leva realizando a Xunta en todo o territorio galego con actuacións de recuperación como a de Santa María de Sacos co obxectivo “protexer e divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo da nosa identidade”.
Obxectivos da intervención
A intervención en Santa María de Sacos, iniciada a finais de 2023, permitiu solucionar as filtracións de auga do templo a través dun illamento térmico sobre as bóvedas da nave e a ábsida e sobre o falso teito da sancristía, ademais de impermeabilizar correctamente a cuberta e o encintado dos muros. Tamén inclúe, na porta principal, unha canle para a recollida de augas e evitar así as filtracións ao interior da igrexa. En canto aos paramentos, levouse a cabo unha limpeza superficial e un saneado das xuntas para retirar os encintados de morteiro existentes.
Para as carpinterías, o proxecto tamén incluíu a substitución das ventás existentes de aluminio, que non permiten a ventilación da igrexa e a eliminación do revestimento superficial a base de árido, xeso e morteiro de cemento que cobre a maior parte dos muros. Tamén se retirou o coro de formigón para substituílo por un novo realizado en madeira e actuouse sobre as pinturas que se atopan na bóveda da ábsida.