Nova: Rueda anuncia que o Consello da Xunta aproba a declaración do Entroido como Ben de Interese Cultural inmaterial

03/03/2025

Rueda anuncia que o Consello da Xunta aproba a declaración do Entroido como Ben de Interese Cultural inmaterial

Destaca o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial de Galicia e a súa importancia á hora de reafirmar a identidade dos concellos e a convivencia interxeracional

Apunta a que esta declaración protexe ao Entroido galego no seu conxunto e achega medidas de salvagarda

Con esta aprobación, xa son 784 os Bens de Interese Cultural en Galicia

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou o decreto que declara Ben de Interese Cultural o Entroido ao considerar acreditado o seu valor sobranceiro como “patrimonio inmaterial da nosa Comunidade”.

Esta declaración culmina o proceso iniciado en 2024 para darlle esta distinción ao Entroido galego e chega tras recibir os informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego sen que se rexistrase ningunha alegación, e supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de patrimonio cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección.

Segundo sinalou Rueda, esta celebración ten unha “incalculable importancia” desde o punto de vista histórico, etnográfico e cultural, cunha relevante presenza nas “artes e nas letras” dentro e fóra da nosa Comunidade.

O decreto salienta a multitude de funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre o Entroido. Neste senso, o titular do Executivo galego puxo en valor a súa utilidade para “reivindicar a identidade” de lugares, aldeas, parroquias ou concellos, favorecendo a integración, a sociabilidade ou o “intercabio interxeracional”.

O titular do Goberno galego tamén lembrou que nesta declaración de Ben de Interese Cultural tamén se enxalza a riqueza, diversidade e multitude de expresións singulares propias do Entroido, facendo fincapé na ampla tradición coa que conta en “boa parte de Galicia” e a súa capacidade de adaptación. De feito, cómpre sinalar que un total de 191 dos 313 concellos galegos (61 %) escolle unha data vencellada ao Entroido como festivo local.

En conxunto, con esta aprobación xa son 784 os Bens de Interese Cultural que hai en Galicia recoñecidos pola Xunta. Deles, 111 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de patrimonio cultural de 2016, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.

Ampla distinción á celebración

Tal e como lembrou o presidente, a consideración de Ben de Interese Cultural recoñece e protexe “o conxunto” do Entroido galego, sen circunscribirse a festexos concretos.

Precisamente, hai que ter conta que algúns deles xa contan con esta distinción como son os de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Pobra do Brollón) e Esgos, declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.

A maiores, o decreto ten en conta que varios entroidos teñen recoñecemento como festas de interese turístico. Trátase dos de Xinzo de Limia, que é de interese turístico internacional; do de Verín, de interese turístico nacional; e outros nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.

Medidas de salvagarda

Co obxectivo de garantir o legado deste tesouro cultural e a potencia da celebración en Galicia, Rueda destacou que o decreto aprobado hoxe polo Goberno galego tamén recolle unha serie de “garantías” de salvagarda para a preservación, transmisión e revitalización deste Ben de Interese Cultural.

En consecuencia, recóllese a conveniencia de arquivar e sistematizar documentos relacionados con este patrimonio para poder comprendelos dun xeito máis eficaz e completo, así como para garantir a súa preservación futura. Ao respecto, tamén se recomenda que se promova a súa incorporación ao ensino de xeito formal e informal, e que tamén se produza a creación dun repositorio do Entroido galego coa documentación, testemuños, material audiovisual e outros rexistros de interese.

Gastronomía e máscaras

Na distinción de Ben de Interese Cultural tamén están moi presentes os vencellos coa gastronomía, pola súa relevancia na vida social nunha comunidade. Así, na actualidade, existen cinco festas gastronómicas de interese turístico relacionadas co Entroido: a Feira do Cocido de Lalín, festa de interese turístico internacional, as festas da Filloa de Lestedo, do Lacón con Grelos de Cuntis, da Androlla de Viana do Bolo e do Botelo do Barco de Valdeorras.

Por outro lado, este recoñecemento dálle relevancia ao emprego da máscara como un elemento entroidístico característico, que se vencella sobre todo coas raíces rurais deste festexo cultural e lúdico, aínda que o seu uso está espallado por determinados entroidos urbanos de Galicia.

Asemade, o decreto pon en valor que no Entroido hai unha serie de ritos, cunhas normas, expresións e materialidade que se adaptan aos tempos, constituíndo un patrimonio cultural vivo e valioso para comunidades, grupos e persoas na nosa Comunidade.

Comparte