Nova: A Xunta facilita a dixitalización e publicación das cartas galegas de Camilo José Cela

11/03/2025
A Xunta facilita a dixitalización e publicación das cartas galegas de Camilo José Cela
A páxina web recolle os textos que o escritor intercambiou con persoeiros da intelectualidade galega como Celso Emilio Ferreiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros
O proxecto xorde da colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa institución cultural para poñer as misivas a disposición da cidadanía
Anxo M. Lorenzo destaca que esta iniciativa permite “coñecer a Cela máis alá da súa obra literaria e achegarse ao seu sentimento de galeguidade”
Rosario Álvarez sinala a “ampla e tupida rede de relacións de diverso tipo que mantivo coa sociedade galega, tanto no tecido intelectual como noutros ámbitos”
Padrón (A Coruña), 11 de marzo de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentaron hoxe o portal As epístolas galegas de CJC, un proxecto realizado no marco do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a institución cultural para a dixitalización e posta a disposición do público das cartas de Camilo José Cela conservadas pola Fundación Pública en Iria Flavia e relacionadas con Galicia.
Así, durante o acto celebrado no Museo Camilo José Cela, o representante da Xunta destacou a importancia desta iniciativa “para poñer en valor outras facetas do escritor máis alá da súa obra literaria e achegarnos á súa figura a través do contacto que mantivo cos persoeiros da intelectualidade galega do momento”. Deste xeito, engadiu, “teño o convencemento de que será un portal de referencia para coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”.
Na mesma liña se manifestou sobre este proxecto conxunto a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, apuntando sobre Cela “a ampla e tupida rede de relacións de diverso tipo que mantivo coa sociedade galega, tanto no tecido da intelectualidade galeguista e académica en sentido máis amplo, coma noutros ámbitos”
Neste senso, nesta primeira fase publícanse a través da web unhas 231 epístolas procedentes dunha trintena de autores. Entre elas, destacan as abondosas cartas con Celso Emilio Ferreiro, embaixador da revista Papeles de Son Armadáns en Galicia, con Isaac Díaz Pardo ou coa Fundación Rosalía de Castro. Tamén se recollen os textos relacionados coa tradución ao galego de La familia de Pascual Duarte, incluído o manuscrito do prólogo de Otero Pedrayo e as misivas sobre a tradución que realizou Vicente Risco, así como as cartas co seu gran amigo Mariano Tudela.
Tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, con este novo portal aberto á cidadanía, no que se irá incluíndo novo contido progresivamente, a Fundación Camilo José Cela logra un dos obxectivos marcados nos últimos anos como é a dixitalización e posta a disposición na rede dos materias libres de dereitos ou cedidos para ese fin, co obxecto de facilitar a investigación e o coñecemento en aberto, tanto do legado, como da vida e obra do escritor. Neste contexto, explicou, “o epistolario conservado na Fundación Pública de Iria Flavia é un auténtico tesouro que merece ser estudado”.
A colección epistolar de Cela
O epistolario conservado na Fundación Pública Galega Camilo José Cela abrangue desde 1942, ano da publicación da primeira novela do autor, La familia de Pascual Duarte, ata o 17 de xaneiro de 2002, data do seu pasamento.
A colección completa está composta por máis de 95.000 cartas correspondentes con case 13.000 persoeiros da vida social, política e cultural da segunda metade do S.XX e que constitúe un fondo documental de gran valor.
Proxecto Epístola
En 2014, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o seu proxecto Epístola. Inseríase no marco da Colección Arquivos Particulares, que está constituído por máis de 25.000 documentos entre cartas, postais, tarxetas de visita, manifestos ou apuntamentos orixinais ou copias. O proxecto, que segue criterios arquivísticos, naceu para ofrecer á cidadanía a correspondencia de figuras senlleiras da nosa cultura. Posibilítase así un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios, ao tempo que se abren novas perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura e os seus contextos, e facilita a comprobación de datos e de circunstancias. No marco desta iniciativa púxose en rede unha importante colección de arquivos persoais, que arrincou con Luís Seoane e se acrecentou con Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Rosalía de Castro ou Manuel Rodríguez Lapa, entre outras figuras.