Nova: A Xunta exhibe fotografías inéditas de Nicolás Muller sobre Galicia nunha nova mostra no Museo do mar

13/03/2025
A Xunta exhibe fotografías inéditas de Nicolás Muller sobre Galicia nunha nova mostra no Museo do mar
Nicolás Muller en Galicia’ recolle imaxes do fotógrafo durante as súas viaxes á Comunidade e que amosan a realidade dos anos 60 cunha ollada fondamente humanista
López Campos reafirma a aposta do Goberno galego pola itinerancia de exposicións que se xestan no Gaiás a outras localidades co fin de achegar a cultura a toda a poboación na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
Comisariada por José Ferrero, a mostra poderá visitarse ata o 18 de maio
Vigo, 13 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a mostra Nicolás Muller en Galicia no Museo do Mar de Galicia. Trátase dunha exposición que recolle unha selección de 50 imaxes, 34 delas inéditas, das 700 que o fotógrafo fixo durante as súas viaxes á Comunidade, así como un audiovisual que contextualiza a figura do autor dende unha óptica actual. Este proxecto, comisariado polo tamén fotógrafo José Ferrero, poderá visitarse ata o 18 de maio na sala de exposicións temporais do museo vigués, despois de recibir máis de 14.000 visitantes na súa estadía no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
O titular de Cultura da Xunta sinalou “a humanidade e proximidade coa que Muller fotografou as clases máis desfavorecidas” e subliñou a importancia que mostras como esta teñen para “achegarnos ao noso pasado e poder, así, comprendernos como sociedade”.
Por outra banda, destacou a aposta pola itinerancia dos proxectos que se xestan no Gaiás a outras localidades, “co fin de achegar a cultura a toda a poboación, seguindo a liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Neste senso, Nicolás Muller en Galicia inaugura un ano no que as itinerancias da Cidade da Cultura se erixen como un dos piares da súa programación expositiva.
Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece alianzas con outras institucións para a adaptación ou creación de novos contidos que levar a espazos culturais de Galicia e de fóra. Deste xeito, durante o 2025 tamén haberá itinerancias doutras mostras en localidades como Pontevedra, Madrid, Zamora, A Coruña, Baiona ou Ponteareas.
Ademais do conselleiro, no acto tamén estiveron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio; o comisario da exposición, José Ferrero, e Ana Muller, fotógrafa e filla de Nicolás Muller.
O foco posto nas persoas
Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) é considerado un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pediu a creación de instantáneas para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España. O seu obxectivo era romper o illamento do país e, ao mesmo tempo, tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, as fotografías de Muller reflicten unha fonda ollada humanista, centrándose nas xentes traballadoras, as mulleres e os nenos.
O autor era capaz de comunicarse coa súa cámara e de captar momentos da vida cotiá como xogos infantís, sorrisos e olladas cómplices cunha humanidade especial que foxe do espectáculo ata nos seus retratos das clases traballadoras e máis desfavorecidas. Así, o discurso expositivo artéllase ao redor de cinco temas chave para entender a obra de Muller: o territorio, o mercado, o mar, a muller e o traballo, e o urbanismo e a modernidade.
Entre as fotografías que compoñen a mostra, que proveñen todas elas do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. Fondo Nicolás Muller, atópase unha ampla selección de imaxes que reflicten a vida das xentes das Rías Baixas. Entre elas, instantáneas que amosan o traballo das mulleres na fábrica de conservas Massó en Cangas do Morrazo, ou retratos de pescadores no porto de Vigo.