Nova: A Xunta inicia o procedemento para declarar ben de interese cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur

18/03/2025

A Xunta inicia o procedemento para declarar ben de interese cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur

O Diario Oficial de Galicia publica a incoación, o que supón a protección inmediata deste ben localizado no concello de Larouco, na provincia de Ourense

O expediente recoñece o seu valor etnolóxico, relacionado coa cultura do viño, e por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia

A proposta deberá resolverse definitivamente no prazo máximo de 24 meses

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de lugar de valor etnolóxico, o conxunto de covas e adegas de Seadur, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata destas construcións localizadas no concello de Larouco, na provincia de Ourense.

A documentación aportada na declaración establece que o conxunto de 81 adegas e covas de Seadur constitúe un ben sobranceiro do patrimonio cultural galego, que merece ser declarado Ben de Interese Cultural, polo seu valor etnolóxico, ao representar un claro exemplo dos xeitos de vida tradicionais e das relacións entre as xentes e os seus medios de produción, neste caso relacionados coa cultura do viño.

Deste xeito, a incoación fundaméntase en que estas adegas conviven nun espazo único no que, tanto a excepcionalidade das covas e a homoxeneidade dos seus detalles técnicos, vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional, son testemuñas das relacións de uso e mantemento e reúnen valores propios que deben ser destacados. A súa conservación considérase relevante por ser reflexo da cultura e das formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

Ademais, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia supón a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva, nun prazo máximo de dous anos, seguindo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a máxima protección e tutela.

O inicio do expediente para declarar Ben de Interese Cultural o conxunto de covas e adegas de Seadur reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da nosa Comunidade. Así o demostran os 111 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 784.

A delimitación do ben abrangue o lugar de valor etnolóxico e trázase cunha liña poligonal que pasa por todas as covas identificadas. Esta traza segue os límites naturais, os camiños e os límites parcelarios. Así, polo norte trata de axustarse ao rego que descorre paralelo ao camiño no que se concentran a maioría das construción. Polo suroeste segue unha pista forestal e polo leste axústase aos camiños que conforman os quinteiros do lugar e ao parcelario.

Construcións vinculadas á vitivinicultura

Na actualidade, nas adegas e covas realízanse labores vitivinícolas coa uva colleitada nas viñas da contorna e, en case todas, dáselle un uso lúdico para realizar xuntanzas e rutas polas covas e adegas. Así, o sector, moi arraigado na comarca do Valdeorras, conserva estes elementos construtivos que se atopan integrados no territorio de forma harmónica na paisaxe, mediante a utilización dos materiais naturais das zonas nas que se asentan, e poden estudarse a día de hoxe como referentes de construcións bioclimáticas, polo seu apropiado e intelixente uso da terra e o aire que as envolve, creando as condicións axeitadas para a súa funcionalidade.

Comparte