Nova: A Xunta celebrará en Ferrol a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024

26/03/2025
A Xunta celebrará en Ferrol a gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024
- O Consello analiza o informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que continúa a descentralización dos actos destes galardóns, iniciada en 2019
- O Teatro Jofre acollerá, o 23 de abril, a cerimonia na que se premiará a Manuel Lourenzo, a Xosé María Pérez Barro, a Marta Pazos, a Joaquín Martínez, a Ficción Producións, a Julia Díaz, a Xosé Manuel González e ao Real Club Celta de Vigo
A gala de entrega dos Premios da Cultura Galega 2024 celebrarase o vindeiro 23 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. Así se informou hoxe no Consello da Xunta que analizou o informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co que se continúa a estratexia de descentralización destes galardóns, que constitúen o maior recoñecemento outorgado en Galicia neste eido e buscan poñer en valor o esforzo e o talento creativo da nosa Comunidade.
A celebración na cidade departamental segue a senda iniciada en 2019 polo Goberno galego, cando os Premios da Cultura Galega se organizaron por vez primeira fóra da capital de Galicia, escollendo como acto para a cerimonia o mosteiro ourensán de Montederramo. Seguiulle nesta estratexia o Teatro Afundación, en Vigo, en 2020.Tras dous anos que se viron afectados pola pandemia, retomouse a súa descentralización coa celebración no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, no ano 2023. O pasado ano, escolleuse para este acto ao convento de Santa Clara, en Pontevedra.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén dá resposta aos obxectivos da recente e pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, e que promove a descentralización da programación e creación cultural por todo o territorio da Comunidade.
Cómpre recordar que os Premios da Cultura Galega 2024 recaeron no escritor Manuel Lourenzo, na categoría de Letras; no deseñador gráfico Xosé María Pérez Barro, na de Artes Visuais; na actriz e dramaturga Marta Pazos, en Artes Escénicas; no xestor cultural Joaquín Martínez, na de Música; en Ficción Producións, na de Audiovisual; na xornalista Julía Díaz, en Lingua; no historiador Xosé Manuel González, en Patrimonio Cultural; e no Real Club celta de Vigo, na distinción de Proxección Exterior polo himno Oliveira dos cen anos, composto co gallo do seu centenario.
Xurado
O xurado desta edición estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Henrique Monteagudo, académico numerario, en representación da Real Academia Galega; Xosé Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Máximino Zumalave, académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes; así como profesionais de recoñecido prestixio, como Kirenia Martínez Acosta, xestora cultural, bailarina e coreógrafa; Lucía Carballeda Suárez, historiadora da arte e galerista; e Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue cada ano a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.