Nova: A Xunta empregará a capela de Cortegada como centro de recepción de visitantes e punto de difusión cultural tras investir 600.000 euros na súa rehabilitación

10/04/2025
A Xunta empregará a capela de Cortegada como centro de recepción de visitantes e punto de difusión cultural tras investir 600.000 euros na súa rehabilitación
Os traballos permiten poñer o templo en valor como un elemento máis do patrimonio de Galicia e que estea a disposición tanto do conxunto da cidadanía da comunidade como dos visitantes da illa
Ángeles Vázquez destaca que a recuperación do inmoble estivo acompañada dunha restauración ambiental na que se investiron preto de 200.000 euros co fin de erradicar especies herbáceas e arbóreas exóticas como o eucalipto
José López Campos enxalza o labor do equipo para levar a cabo unha ambiciosa actuación que inclúe a reconstrución da bóveda de canón, unha das primeiras realizadas en Europa no século XXI
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de abril de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitaron hoxe a illa de Cortegada, onde anunciaron a finalización das obras de rehabilitación integral da capela da Virxe dos Milagres tras un investimento do Executivo galego de 600.000 euros.
O templo, un activo máis do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que poderá visitarse xa na próxima Semana Santa, contará con distintos usos como o de servir de centro de interpretación e recepción de visitantes ou o de exercer de punto de difusión cultural acollendo distintas actividades como exposicións, presentacións literarias, obradoiros, proxección cinematográficas, recitais de poesía ou talleres, entre outras posibilidades.
De feito, os conselleiros asinaron un convenio de colaboración co que se pretende dotar a capela de contido e definir as iniciativas que pode albergar co fin de poñela en valor como un elemento máis do patrimonio cultural de Galicia e que estea a disposición tanto do conxunto da cidadanía da comunidade como dos visitantes.
Ángeles Vázquez salientou a importancia de recuperar a capela polo seu valor histórico e lembrou que esa rehabilitación do inmoble estivo acompañada dunha restauración ambiental da illa, que contou cun investimento de preto de 200.000 euros. Os traballos centráronse na erradicación de especies herbáceas e arbóreas exóticas, como os eucaliptos, e a adopción de medidas para a conservación de microhábitats de fauna xilófaga ameazada existentes na contorna.
Con ese obxectivo, actuouse en preto de catro hectáreas para erradicar a presenza do eucalipto -retirándose un total de 765 toneladas de madeira- e de acacias potenciando en paralelo outras especies autóctonas que enriquecen os ecosistemas como é o loureiro. Nesta liña, na contorna da capela vanse plantar varios carballos, dos que o primeiro foi plantado hoxe mesmo polos dous conselleiros. Mentres, en canto aos microhábitats para xilófagos, construíronse pirámides de madeira en puntos estratéxicos co fin de facilitar a súa reprodución.
José López Campos, pola súa banda, enxalzou o esforzo do equipo encargado de rehabilitar a capela, que practicamente foi unha reconstrución, pois estaba en estado ruinoso. Neste senso, incidiu en que se trata dunha das actuacións máis ambiciosas acometidas nos últimos anos, pois supoñía recuperar a bóveda de canón, unha das primeiras realizadas en Europa no século XXI.
Nesta liña, lembrou que antes da intervención se fixo un amplo estudo sobre como era o templo orixinalmente e realizáronse traballos arqueolóxicos nos que se rescataron pezas para a súa reutilización ao tempo que se construíu unha nova cuberta a base de madeira. Os traballos completáronse con novas portas e fiestras así como con labores de saneamento e drenaxe do pavimento interior.
A maiores, procedeuse ao acondicionamento do exterior da igrexa -como o atrio, as escaleiras e o espazo que ocupaba o antigo hospital-, á realización da acometida eléctrica e á restauración ambiental da contorna.
O templo
A capela é de estilo renacentista, de planta rectangular, e nos seus inicios atraía a numerosos peregrinos, dos que moitos chegaban enfermos, polo que se construíu á súa beira un pequeno hospital. Non obstante, como estaba moi próxima á aldea, no século XVII o arcebispo de Santiago, Fernando de Andrade e Soutomaior, decidiu trasladala á súa localización actual para evitar que a presenza de peregrinos enfermos provocase a infección dos habitantes da illa.
Ese é o motivo polo que no arco da porta da igrexa se pode ver esculpido en pedra o escudo de Fernando de Andrade e Soutomaior. O conxunto arquitectónico do templo complétase cun cruceiro -de entre finais do século XVIII e principios do XIX- e a escalinata de acceso á igrexa.
A illa
Cortegada é a illa máis pequena do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un espazo que se caracteriza pola súa riqueza ambiental, paisaxística e pola súa biodiversidade así como por ser un lugar de interese desde o punto de vista etnográfico e histórico.
Esta illa, agora deshabitada, contou con poboación ata as primeiras décadas do século XX, cando vivían uns 70 persoas (unha quincena de familias). Anos despois procedeuse a reconstruír boa parte das antigas casas co fin de poñer en valor esas edificacións e o conxunto da illa rememorando o seu pasado.