Nova: A Xunta ofrece unha completa panorámica da actual produción audiovisual galega na nova edición do seu catálogo ‘Films from Galicia’

14/04/2025

A Xunta ofrece unha completa panorámica da actual produción audiovisual galega na nova edición do seu catálogo ‘Films from Galicia’

Recolle información sobre 62 traballos, 48 deles a piques de chegar á pantalla e outros tantos realizados co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das diferentes liñas de subvencións ao sector

A publicación edítase en inglés, con versións física e dixital interactiva, para a súa distribución en mercados e feiras de referencia internacional

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025

A Xunta de Galicia acaba de lanzar a nova edición do seu catálogo Films from Galicia, que ofrece unha completa panorámica da actual produción galega de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e feiras do sector a nivel internacional.

A compilación de 2025 reúne 62 novos títulos do audiovisual galego, dos que 14 foron estreados recentemente e os 48 restantes están ultimando a súa próxima chegada á gran e pequena pantalla. Tamén son 48 as producións desta escolma que contaron con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través dalgunha das liñas de subvencións ao sector que xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

É o caso das dúas películas que veñen de marcar un fito para o audiovisual galego coa súa selección na Sección Oficial do Festival de Cannes –Sirat, de Oliver Laxe, e Romería, a película que Carla Simón rodou na provincia de Pontevedra–, así como dos últimos traballos de cineastas como Noemí Chantada, Santos Díaz, Anxos Fazáns, Andrés Goteira, Ángeles Huerta, Lois Patiño, Sandra Sánchez, Ángel Santos, Diana Toucedo ou Alfonso Zarauza, entre moitos outros.

Todas as producións (30 películas de ficción, 21 documentais, catro obras de animación e sete formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os contactos para a venda e distribución. Inclúe, así mesmo, unha listaxe das correspondentes compañías produtoras.

Música de De Ninghures para o vídeo promocional

Como en anos anteriores, a publicación edítase en inglés, con versión física e dixital interactiva, e acompáñase dun vídeo promocional para o que, neste caso, se conta coa música do grupo galego De Ninghures co tema O último baile, inserido no seu novo traballo discográfico.

A través da marca Films from Galicia, o Goberno galego contribúe a impulsar a proxección exterior do noso audiovisual, así como a poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír á difusión de Galicia como escenario de rodaxe. Con ela estará apoiando, por exemplo, a representación galega no festival de Cannes e no Marché du Film que se desenvolve en paralelo ao prestixioso certame francés.

Esta compilación compleméntase coa das curtametraxes do catálogo Shorts from Galicia, que comezou a difusión da edición de 2025 o pasado mes de febreiro durante a celebración do mercado profesional asociado a festival de Clermont-Ferrand, tamén en Francia.

Comparte