Nova: A Xunta anima a protexer a propiedade intelectual, que medrou en solicitudes un 21% en 2024, ata as 1.781

26/04/2025
A Xunta anima a protexer a propiedade intelectual, que medrou en solicitudes un 21% en 2024, ata as 1.781
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica o primeiro informe sobre as estatísticas que teñen que ver cos dereitos sobre as obras con motivo do Día Mundial da Propiedade Intelectual
O obxectivo do estudo é concienciar sobre a importancia dunha acción beneficiosa para o recoñecemento dos creadores e a protección do patrimonio cultural
No documento constátase que máis do 57% das peticións correspóndense con obras literarias e que a oficina de Santiago é a que xestiona máis trámites
A nivel estatal, Galicia ocupa o sexto posto no volume de inscricións, cun 6%, nunha clasificación que lideran Madrid e Andalucía
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2025
O Rexistro Territorial da Propiedade Intelectual de Galicia, adscrito á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, aumentou no 2024 con respecto ao ano anterior un 21% o número de solicitudes de inscrición recibidas, chegando ás 1.781 peticións. Son datos recollidos nun informe elaborado pola Xunta de Galicia que publica con motivo do Día Mundial da Propiedade Intelectual, que se conmemora hoxe, e que realiza por primeira vez unha radiografía sobre a situación na Comunidade da protección dos dereitos que lles corresponden aos autores e autoras ao respecto das obras froito da súa creación.
Así, con este estudo, o Goberno galego dispón dunha información actualizada sobre a situación do rexistro da propiedade intelectual en Galicia, co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a importancia de respectar estes dereitos e animar os creadores e creadoras a rexistrar as súas obras. Deste xeito, pon o foco en animar e impulsar esta acción, de carácter voluntario, e que resulta beneficiosa para asegurar tanto a nivel moral como económico o recoñecemento a unha obra e a protección, nun nivel máis amplo, do patrimonio cultural.
Neste senso, no documento queda reflectido que durante o ano pasado as oficinas que tiveron un maior volume de rexistros foron a de Santiago de Compostela, que xestionou o 21,2% das solicitudes presenciais, e a da Coruña, cun 20%. No que respecta á vía telemática, que representa un 25,8%, os trámites foron asumidos pola sede da capital galega.
Dos datos, despréndese que máis do 57% das solicitudes de inscrición de dereitos correspondéronse con obras literarias, destacando o xénero da narrativa (45%), ás que lle seguiron obras artísticas, científicas e técnicas. Ademais, conclúese un claro predominio das inscricións pedidas polos autores, tendo en conta que tamén son suxeitos da propiedade intelectual outras persoas como os artistas intérpretes e executantes, produtores de fonogramas, produtores de gravacións audiovisuais, entidades de radiodifusión e creadores de fotografías. Neste senso cómpre diferenciar entre os dereitos de autor e os dereitos afíns, xa que estes últimos teñen que ver coas persoas que non realizaron a obra directamente pero xeran achegas sobre ela que son merecedoras de protección.
A estas cifras, recompiladas polo Rexistro Territorial de Galicia, súmanselle os resultados do Rexistro Xeral no quinquenio 2019-2023 e reflectidos no Anuario de Estatísticas Culturais 2024. Así, deste último estudo, destaca a sexta posición da Comunidade galega a nivel estatal no volume de inscricións realizadas no 2023, cun 6%, sendo Madrid (26,9%) e Andalucía (17%) os territorios nos que máis peticións se rexistran. Ademais, este informe corrobora que o tipo de obra para a que se requiren dereitos principalmente en Galicia son as literarias, aínda que resaltan que a Comunidade destaca por enriba da media en dúas categorías: nas obras artísticas e técnicas rexistra un 9,8%, polo 6% do conxunto de España, e nas creacións multimedia acada un 6,5%, quedando a media nacional no 3,4%.
Vantaxes e retos de futuro
Neste contexto, a propiedade intelectual enfróntase a varios retos relacionados co eido dixital, a ciberseguridade e a Intelixencia Artificial, de maneira que no futuro terase que considerar a aparición de novos dereitos ante a necesidade de dar respostas ás novas realidades.
Por outra banda, desde a Xunta de Galicia, incídese na formación en materia de dereitos de autor, rexistro de marcas e protección de contidos como vía para garantir unha protección efectiva.