Nova: Axudas para apoiar o labor do asociacionismo profesional nas industrias culturais

29/05/2015

Axudas para apoiar o labor do asociacionismo profesional nas industrias culturais

Dotadas cun total de 50.000 euros, poderán presentarse entidades e asociacións sen ánimo de lucro representativas das empresas e profesionais do sector cultural galego

Santiago, 29 de maio de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) abre o prazo de solicitude para as súas subvencións ao asociacionismo profesional no ámbito cultural, que poderán solicitarse ata o 29 de xuño. A convocatoria, dotada cun total de 50.000 euros, diríxese especificamente a aquelas entidades e asociacións sen ánimo de lucro representativas das empresas e profesionais no sector das industrias culturais en Galicia.

Mantense así a contía destinada a estas axudas en 2014, ano no que resultaron beneficiarias seis entidades: Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes), Asociación Escena Galega, Asociación Galega Profesionais da Xestión Cultural, Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Asociación Clubtura.

As bases publicadas no Diario Oficial de Galicia establecen os requisitos que deben cumprir as entidades solicitantes, que ademais de ter a súa sede ou domicilio social en Galicia e un ámbito de actuación autonómico, deben contemplar como obxecto social ou estatutario a promoción de produtos culturais, en todas as súas modalidades, para a defensa dos intereses das empresas e profesionais destes ámbitos.

A concesión destas axudas seguirá un procedemento de concorrencia competitiva, de acordo cuns criterios de avaliación a través dos que se analizarán a representatividade da entidade, a porcentaxe de cofinanciamento, o interese xeral da súa proposta de programación e a actividade desenvolvida nos dous anos anteriores.

Ata 15.000 euros por entidade
As bases sitúan en 15.000 euros a contía máxima que poderá recibir cada unha das asociacións beneficiarias, sempre que esta cifra non supere o 70 por cento do total dos gastos que se realicen, nin o 70 por cento dos ingresos totais da entidade durante 2014. Así mesmo, do importe concedido, o 40 por cento deberá destinarse ao financiamento das actividades propostas no proxecto de programación, mentres que o 60 por cento restante investirase en gastos xerais de funcionamento.

O apoio ao asociacionismo profesional forma parte do programa anual de subvencións desenvolvido por Cultura e Educación a través da Agadic e no que tamén se integran outras oito liñas de subvención xa convocadas en 2015: as destinadas a distribución, a festivais de artes escénicas e de música, a produción escénica e a salas escénicas, así como catro centradas no sector audiovisual (producións e coproducións, promoción do talento audiovisual galego, desenvolvemento de proxectos e festivais).
 

Comparte