Nova: Amigos da Ópera da Coruña representa O Trobador, con Ainhoa Arteta de protagonista

01/07/2015

Amigos da Ópera da Coruña representa O Trobador, con Ainhoa Arteta de protagonista

O Pazo da Ópera coruñés acollerá os días 3 e 5 de setembro dous pases da emblemática obra de Giussepe Verdi pola Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia baixo a dirección musical de Keri Lynn Wilson

O apoio de Cultura ao evento dá continuidade á liña de traballo conxunto que se mantén coa Temporada Lírica da Coruña

  • Ainhoa Arteta, intérpreta protagonista de O Trobador Ainhoa Arteta, intéprete protagonista de O Trobador
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá

A Coruña, 1 de xullo de 2015.- O Pazo da Ópera da Coruña acollerá os próximos días 3 e 5 de setembro a representación de ‘O trobador’ de Giussepe Verdi a cargo da Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia e con Ainhoa Arteta como intérprete protagonista. A asociación coruñesa Amigos da Ópera é a promotora deste evento, para o que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco da liña de traballo conxunto para a difusión do xénero lírico en Galicia.

A soprano vasca encabeza un elenco no que tamén figuran outros nomes destacados do panorama operístico internacional, como son a mezzo Marianne Cornetti, o barítono Juan Jesús Rodríguez ou os tenores Gregory Kunde e Badel Albelo. Keri Lynn Wilson, na dirección musical, e Mario Pontiggia, na dirección de escena, asinan a nova produción galega deste drama, que amosará sobre o escenario coruñés uns decorados construídos por completo en Galicia e por técnicos galegos.

Voz galega
Ademais, seguindo coa súa práctica de contribuír ás oportunidades de desenvolvemento profesional dos músicos e vocalistas galegos ou formados en Galicia, Amigos da Ópera incorpora ao reparto a cantante galega Alba López. A soprano foi unha das participantes do ciclo ‘As novas voces galegas’ e do curso de interpretación vocal que o pasado ano impartiu na Coruña o mestre Alberto Zedda.

A vindeira estrea deste último ‘O trobador’, obra cumio verdiana e un dos títulos máis representativos de toda a ópera italiana do século XIX, foi presentada hoxe no Pazo de María Pita da Coruña nun acto que contou coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, do concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, da deputada provincial da Deputación da Coruña Begoña Freire, do xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa, e de Natalia Lamas e César Wonenburger por parte de Amigos da Ópera da Coruña, colectivo decano na organización de certames líricos en España.

Nova temporada
Coa programación desta obra, a Asociación Amigos da Ópera inicia a nova Temporada Lírica da Coruña 2015-2016, despois de ter rematada a pasada semana o ciclo 2014-2015, no que se incluíron distintos concertos, actividades pedagóxicas e as postas en escena de ‘A traviata’, ‘Attila’, ‘A fida Ninfa’, ‘Ermione’ e ‘A frauta máxica’. Esta actividade continuada contou co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través da sinatura dun convenio de colaboración.

Así o explicou esta mañá o director da Agadic, quen declarou que a través desta cooperación se incide ademais en diversos ámbitos, tales como o fomento da afección musical na nosa Comunidade, a dinamización socioeconómica a carón da cultural, a posta en valor do traballo dos intérpretes e profesionais galegos ou a presenza dos escenarios de Galicia no mapa de distribución internacional das grandes producións de música clásica.

Jacobo Sutil referiuse en concreto á representación de ‘O trobador’, á que cualificou como “unha das citas culturais máis importantes da fin do verán e unha fantástica oportunidade para que todos nos acheguemos ao espectáculo total que supón a ópera escenificada”.

De feito, Amigos da Ópera recupera nesta ocasión o drama romántico que o libreto escrito por Salvatore Cammarano, a partir do texto do dramaturgo español Antonio García Gutiérrez, ambienta a finais da Idade Media nas provincias de Biscaia e Aragón, unha obra mestra que leva 20 anos sen ser representada diante do público da Coruña.

Comparte