Nova: O Museo Massó percorre cunha exposición o papel de Galicia na industria baleeira

22/07/2015

O Museo Massó percorre cunha exposición o papel de Galicia na industria baleeira

A mostra ‘De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia’ é a primeira na Península Ibérica que aborda esta temática con pezas orixinais

  • A mostra ‘De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia’ é a primeira na Península Ibérica que aborda esta temática con pezas orixinais A mostra ‘De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia’ é a primeira na Península Ibérica que aborda esta temática con pezas orixinais

Bueu (Pontevedra), 22 de xullo de 2015.- O Museo Massó abriu hoxe as portas da súa nova exposición temporal, ‘De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia’, que fai un percorrido desde os inicios da pesca da balea ata as factorías galegas como únicos centros de explotación de toda a Península Ibérica.

A mostra foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen, ademais de recordar que o Museo Massó posúe a única colección da industria baleeira existente na Península Ibérica, destacou “o interese cultural da exposición, así como a súa contribución a un maior coñecemento do papel que Galicia xogou nesta industria durante moitos séculos”. Tamén puxo en valor o feito de que, con esta exposición, é a primeira vez que na Península se aborda esta temática con pezas orixinais e dunha forma tan completa.

A directora do museo, Covadonga López de Prado, é a comisaria da exposición, que tamén contou co comisariado científico de Alex Aguilar, autor da tese doutoral e da publicación ‘La pesca ballenera moderna en la península Ibérica’.

A exposición tamén contou co asesoramento científico do Centro de Estudios de Mamíferos Mariños (CEMMA, que colaborou, ademais, mediante a cesión de pezas en préstamo para a mostra. A máis destacada deste préstamo é un óso de mandíbula de balea vasca, especie extinguida no século XIX, de catro metros de lonxitude, que foi recuperado no fondo mariño do porto de Bares no ano 2014.

Percorrido temático
‘De Punta Balea a Cabo Morás’, cuxo título fai referencia ás dúas localizacións das factorías baleeiras establecidas pola empresa Massó Hermanos nos anos 50 e 60 do século pasado, estrutúrase en varias áreas temáticas. A introdución aborda o carácter lendario das baleas e inclúe unha referencia ás especies que foron o obxectivo dos cazabaleeiros.

A etapa denominada “heroica” da caza da balea centra outro dos apartados e abrangue os inicios da actividade cos pescadores vascos, a introdución por estes desta actividade en Galicia e o desprazamento dos vascos por outras potencias baleeiras, ata chegar ao século XIX co predominio dos baleeiros norteamericanos, xenialmente recollida na novela ‘Moby Dick’, da que se expón un exemplar ilustrado recentemente adquirido polo museo e publicado en Estados Unidos no ano 1923.

O tema central do proxecto expositivo é a caza moderna da balea en Galicia, que se inicia coa renovación tecnolóxica norueguesa e a instalación de factorías norueguesas no sur da Península e en Caneliñas (Cee, A Coruña) na década de 1920. Logo dunha explotación intensiva que leva case que ao exterminio das especies cazadas no sur da Península, as empresas galegas toman a remuda na década de 1950 con IBSA (Industrias Balleneras S.A.) que reflota a factoría de Caneliñas (Cee) e Massó Hermanos e que crea a baleeira de Punta Balea (Cangas do Morrazo) e a de Cabo Morás (Xove-Lugo), para pór en marcha as baleeiras galegas. Nesta última etapa, Galicia será o último reduto da actividade ata a entrada en vigor en 1985 do acordo internacional que prohibe a caza de grandes cetáceos.

O procesamento das capturas e o instrumental empregado no despece, os produtos derivados e o sistema de caza son as outras temáticas que completan o percorrido expositivo, que finaliza cunha pequena sección dedicada ás campañas científicas e ás causas que promoveron a fin desta industria.

Procedencia das pezas
A maior parte das pezas expostas forman parte da colección do Museo Massó e proveñen das baleeiras da empresa Massó Hermanos. A estas súmanse as procedentes da colección Alex Aguilar e a CEMMA, as cedidas en préstamo polo Concello de Cangas, as doadas por antigas empregadas e empregados da factoría canguesa, así como unha peza excepcional prestada polo Bispado de Mondoñedo. Trátase dun exvoto ofrendado a Santo André de Teixido pola tripulación dun baleeiro francés que naufragou no século XVIII ou XIX preto da costa de Cedeira. A peza foi restaurada no museo.

Boa parte das fotografías foron doadas recentemente pola familia Massó, outras proceden do arquivo de Alex Aguilar e da serie do fotógrafo Félix Lorrio, adquirida pola Xunta de Galicia para o Museo hai uns anos. Mentres, a documentación seleccionada forma parte do arquivo de Juan José Massó Bolibar, que fora director da baleeira Massó; e de Juan José Pino, fillo do veterinario da baleeira de Cangas. Ambos os dous doaron a documentación ao Museo, que se completa cos documentos procedentes do arquivo de Alex Aguilar.

Finalmente, os documentos fílmicos que documentan a caza foron cedidos polos fillos dun dos arpoeiros da flota de cazabaleeiros galega e pola familia Massó. Mentres que o que documenta o procesamento na factoría de Cangas forma parte dos fondos do museo, e procede tamén da familia Massó.

Comparte