Nova: Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé

04/07/2014

Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé

‘Curculio bassos’, de Mark Manders, é a primeira mostra individual en España do artista holandés. Esta intervención reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista, ademais de incluír obras procedentes de varios museos

Juan Uslé descúbrenos ‘Luz escura’, unha serie de cadros que se coñecen como as súas pinturas negras e que ocupan un lugar central no conxunto da obra dun artista que foi Premio Nacional de Artes Plásticas no ano 2012
 

  • Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé
  • Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé
  • Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé Xesús Vázquez Abad presenta no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé

Santiago, 4 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as exposicións ‘Curculio bassos’, de Mark Manders, e ‘Luz escura’, de Juan Uslé. En palabras do conselleiro, “son dúas mostras de gran calidade que encherán de contido durante os vindeiros meses os diferentes espazos deste emblemático museo”.

A intervención de Mark Manders, que ocupará toda a planta baixa do CGAC, é a primeira exposición individual en España do artista holandés, unha intervención que conta co apoio da Mondriaan Fonds e que poderá visitarse ata o 12 de outubro de 2014. A primeira planta do CGAC albergará ata o 28 de setembro a exposición ‘Luz escura’, de Juan Uslé, unha creación que conta coa colaboración de Acción Cultural Española e do Kunstmuseum de Bonn, onde estivo exposta anteriormente.

No acto de presentación tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do CGAC, Miguel von Hafe; os artistas Mark Manders e Juan Uslé; o comisario da exposición ‘Curculio bassos’, Javier Hontoria; e o comisario da mostra ‘Luz escura’, Stephan Berg. Esta tarde ás 20,00 horas o conselleiro inaugurará amabas as dúas mostras.

Mark Manders
O conselleiro cualificou a Manders (Volkel, Países Baixos, 1968) como “un dos artistas internacionais máis relevantes das dúas últimas décadas”, e explicou que este escultor foi capaz de crear “un insólito universo que parte do seu xa lendario ‘Self-Portrait as a Building’, unha obra que realizou en 1986 cando tiña tan só 18 anos”.

A intervención ‘Curculio bassos’ reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista e inclúe obras procedentes de museos como o Stedelijk Museum de Amsterdam, o S.M.A.K de Gante, La Kunsthaus de Zúrich ou a colección Rabobank, ademais doutras procedentes de coleccións privadas. Para esta cita, o artista revisou algúns dos seus traballos anteriores e adaptounos ao propio espazo do CGAC.

A exposición que presenta o CGAC ten tanto de mirada retrospectiva coma de instalación específica. Comprende unha recreación do estudo do artista na cidade belga de Ronse, o lugar onde ese autorretrato se encontra en permanente estado de xestación. A instalación do vestíbulo evoca ese espazo íntimo e decisivo que dá paso a espazos nos que a relación entre os sucesivos traballos se aloxan nun tempo propio, un que a súa vez é unha fusión de diferentes nocións temporais.

Manders representou ao seu país na 55ª Bienal de Venecia, participou na Documenta 11 en 2002 e realizou exposicións en moitos dos museos e centros de arte máis importantes do mundo. Unha variación do traballo que presentou na cita de Kassel, que recibiu o aplauso unánime da comunidade artística internacional, estará presente no Dobre Espazo do CGAC.

Juan Uslé
Respecto ao artista cántabro, o conselleiro asegurou que “posúe unha capacidade extraordinaria para mesturar a linguaxe metapictórica co xestual e o corporal, logrando compoñer unhas obras que lle levaron a gañar no ano 2002 o Premio Nacional de Artes Plásticas e acadar un gran recoñecemento internacional”.

Juan Uslé (Santander, 1954) leva traballando dende os anos noventa nunha serie de cadros que se coñecen como as súas pinturas negras e que ocupan un lugar central no conxunto da súa obra. Nelas, dialoga coa historia da pintura dende Goya ata Reinhardt, entendendo o negro como unha cor de transgresión do visible ao invisible, cuxa impenetrabilidade leva a unha mirada interior.

En total, as salas da primeira planta do CGAC mostrará 20 pinturas da serie ‘Soñé que revelabas’, a maior parte delas realizadas de noite, nas que Uslé reflexiona sobre as condicións estruturais da pintura e sobre o propio proceso de pintar. Estas pezas están determinadas tanto pola emocionalidade como polos impulsos conceptuais característicos de toda a obra de Uslé.

Xesús Vázquez Abad despediuse agradecendo a presenza dos artistas e comisarios hoxe no CGAC. O conselleiro mostrouse convencido de que estas dúas mostras “non deixarán indiferentes a ninguén” e animou a todos os cidadáns a achegarse a este museo para gozar delas.

 

Comparte