Nova: O Centro Coreográfico Galego da Consellería de Cultura e Educación celebrou na praia de Santa Cristina unha sesión de gyrokinesis aberta á participación do público

04/07/2014

O Centro Coreográfico Galego da Consellería de Cultura e Educación celebrou na praia de Santa Cristina unha sesión de gyrokinesis aberta á participación do público

Con esta actividade especial no areal oleirense, a unidade de danza da Xunta de Galicia pechou este mediodía o curso impartido durante toda a semana pola bailarina Eva Pérez Atienza

Esta técnica combina os principios da danza, o ioga, o tai chi, a ximnasia e a natación para favorecer a flexibilidade articular e a elasticidade muscular respectando o movemento natural da columna
 

A Coruña, 4 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Coreográfico Galego, organizou este mediodía na praia de Santa Cristina en Oleiros (A Coruña) unha sesión de Gyrokinesis aberta á participación do público xeral. Con esta actividade especial, á que se sumaron 25 persoas, a unidade de danza da Xunta de Galicia pechou o curso que durante esta semana impartiu a bailarina e actriz Eva Pérez Atienza arredor deste método e da súa aplicación á danza clásica.

Mediante esta sesión pública ao aire libre e incidindo no seu labor de difusión da danza e das arte do movemento entre a cidadanía, o Centro Coreográfico ofreceu a todas as persoas interesadas a posibilidade de se achegar a esta técnica, que combina os principios da danza, o ioga, o tai chi, a ximnasia e a natación para favorecer a flexibilidade articular e maila elasticidade muscular, sempre respectando o movemento natural da columna.

Corpo más enérxico e forte
Profesora certificada de Gyrokinesis e Gyrotonic, Eva Pérez Atienza abordou na clase os movementos tridimensionais característicos deste método, a través dos que se busca a conexión do corpo ao completo e se estimulan en sintonía os sistemas respiratorio, circulatorio e nervioso. Ideada polo bailarín Juliu Horvath, a Gyrokinesis prima o movemento ondulatorio, circular e rítmico para gañar en fluidez, harmonía, vitalidade e benestar interior, de xeito que tras unha destas sesións e mentres flúe a enerxía, o corpo séntese máis vivo, forte e vigoroso.

Con este curso de Gyrokinesis, no que desde o pasado luns participaron un total de 18 alumnos de toda Galicia, a Consellería de Cultura e Educación deu comezo ao plan de formación 2014 do Centro Coreográfico Galego, no marco do que este mes de xullo se oferta tamén un taller de danza clásica con Virginia Valero na Coruña e outro de composición coreográfica con Ángel Rodríguez en Vigo.

 

Comparte