Nova: Galicia ProFilme achégalles aos guionistas e realizadores as claves do seu papel no proceso de captación de recursos
11/12/2015
Galicia ProFilme achégalles aos guionistas e realizadores as claves do seu papel no proceso de captación de recursos
Manuel Monzón, produtor executivo de A Contracorriente Films, impartiuna na Coruña como actividade previa ao programa Conecta +
Santiago, 11 de decembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colaborou con CREA Asociación de Directores e Realizadores de Galicia na organización dunha nova sesión formativa de Galicia ProFilme que, baixo o título ‘O creador no proceso de captación de recursos’, tivo lugar esta tarde na Coruña como actividade previa do programa Conecta +.
O relatorio correu a cargo de Manuel Monzón, produtor executivo da distribuidora e produtora A Contracorriente Films, quen centrou a súa intervención na relación creador-produtor cara á posta en marcha dun proxecto audiovisual. En primeiro lugar, achegoulles aos asistentes as claves que os guionistas e/ou directores deben ter en conta á hora de lle presentar unha proposta a un produtor de xeito eficaz e atractivo. Detívose, a continuación, na relevancia do traballo conxunto entre creadores e produtores para garantir a viabilidade de calquera produción audiovisual.
Licenciado en Económicas pola Universidade de Barcelona, Monzón conta cunha ampla traxectoria no sector, onde traballou co Grupo Filmax e Notro Films. En 2010 funda Monzón Films, unha produtora que tamén proporciona servizos de produción executiva e consultoría. Ten deseñado, así mesmo, coproducións internacionais con Francia, Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña e diferentes países de América Latina, entre outros. Na actualidade, tamén forma parte do equipo de A Contracorriente Films, unha das compañías cinematográficas de referencia a nivel estatal.
Plataforma para o intercambio
A sesión, aberta a todos os profesionais interesados, celebrouse no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña, onde mañá sábado terá lugar Conecta +, un encontro promovido por CREA co obxectivo de poñer en contacto a creadores galegos que teñan proxectos en fase de desenvolvemento con produtores de toda España. O formato será o das reunións un a un, que xa demostrou a súa eficacia en anteriores edicións deste programa á hora de explorar dun xeito máis personalizado as posibles conexións entre ambas as partes implicadas.
A Agadic apoia tamén esta iniciativa, que conta ademais coa colaboración da Asociación Galega de Guionistas (Agag), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Galicia Calidade e Concello da Coruña.
A sesión previa celebrada hoxe forma parte, así mesmo, da achega educativa de Galicia ProFilme, programa organizado desde 2013 pola Agadic co obxectivo de ampliar as posibilidades de formación continua dos profesionais da industria audiovisual galega. No marco desta iniciativa, en 2015 organizouse un encontro dos produtores galegos co director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos; dúas sesións sobre os novos modelos de distribución audiovisual, en colaboración co festival Curtocircuíto; e tres xornadas informativas MEDIA centradas nas modalidades de axuda ‘Single Project Funding’, de desenvolvemento de proxectos e distribución para televisión e de desenvolvemento de videoxogos.