Nova: Preséntase O meu legado, unha obra de Serafín Portugal na que recolle as súas vivencias como mestre e emigrante

15/12/2015

Preséntase O meu legado, unha obra de Serafín Portugal na que recolle as súas vivencias como mestre e emigrante

Trátase dun autor comprometido coa cultura galega

  • Serafín Portugal Serafín Portugal

Ourense, 14 de decembro de 2015.- O Ateneo de Ourense acolleu hoxe a presentación de ‘O meu legado’, de Serafín Portugal, unha obra na que o autor fai un percorrido pola súa traxectoria como mestre e como emigrante en Venezuela e, sobre todo, afonda nas súas vivencias como retornado á súa terra natal.

A presentación do libro (que ten apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística) contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen subliñou que a través desta obra, Serafín Portugal pon a disposición de todos nós “a sabedoría e a experiencia que atesourou ao longo dunha dilatada e dinámica vida”. Román Rodríguez tamén destacou o compromiso do autor coa cultura galega e amosoulle o seu agradecemento por esta obra na que o autor narra en primeira persoa a súa experiencia en temas como a participación ou o liderado.

No acto tamén participaron o alcalde Ourense, Jesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Licenciado en Ciencias Sociais, Serafín Portugal naceu en Piñor e emigrou a Venezuela no ano 1954, onde exerceu como profesor das universidades Metropolitana e Central. Na actualidade dedícase a plasmar as súas vivencias persoais en obras como é o libro que hoxe sae a luz, así como trasladar á actualidade fitos da memoria e da historia como se reflicte na súa obra “Industria del Curtido y la Familia Portugal”, publicada o ano pasado.

Comparte