Nova: Cultura e Educación amplía as súas tres redes profesionais de espectáculos a 74 teatros e salas de toda Galicia cunha nova carteleira de 409 funcións

08/07/2014

Cultura e Educación amplía as súas tres redes profesionais de espectáculos a 74 teatros e salas de toda Galicia cunha nova carteleira de 409 funcións

Este segundo semestre da programación que comeza mañá eleva a 798 as actuacións de 2014 nas redes de teatros e auditorios, de música ao vivo e de salas

A actividade na RGTA, RGMV e RGS rexistra un incremento do 13,7 por cento e a incorporación de 9 novos locais respecto a 2013

A Consellería tamén aumenta nun 22,61 por cento o orzamento que destina este ano a estes circuítos, financiados en colaboración coas entidades públicas e privadas que xestionan os espazos asociados

  • Rede Galega de Música ao Vivo Rede Galega de Música ao Vivo

Santiago, 8 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dálles un novo impulso aos seus tres circuítos profesionais de distribución de espectáculos –Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e Rede Galega de Salas (RGS)–, que neste segundo semestre de 2014 amplían o seu radio de acción a 74 espazos de toda Galicia. A carteleira conxunta ofrecerá 409 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo para todos os públicos.

Con este segundo período de programación, elévase a 798 a cifra total de representacións e concertos que estes tres circuítos promoverán en 2014, cun incremento do 13,7 por cento respecto do total de 623 funcións organizadas en 2013 e maila incorporación de nove novos locais tras a resolución da convocatoria pública para a ampliación das redes de música ao vivo e de salas.

Programación en 46 concellos
O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad reforza deste xeito o papel destes circuítos como unha das súas principais liñas de apoio aos sectores escénico e musical, que constitúe así mesmo a máis ampla e estable canle para a distribución dos espectáculos producidos profesionalmente en Galicia. A súa xestión lévase a cabo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coas entidades públicas e privadas que xestionan os diferentes espazos asociados nun total de 46 municipios.

Este impulso reflíctese igualmente no orzamento destinado este ano para financiar as tres redes, que suman un investimento de 1.358.717,17 euros. A Consellería de Cultura e Educación contribúe a esta cifra global con 732.360,15 euros (un 22,61 por cento máis que en 2013), mentres que a contía restante é asumida en diferentes porcentaxes polas entidades públicas e privadas asociadas aos circuítos.

Así, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta este ano con 1.194.806,9 euros, achegados pola Agadic e as entidades xestoras dos espazos nunhas porcentaxes que oscilan entre o 40 e o 70 por cento en función do número de habitantes do municipio e do tipo e número de actuacións contratadas. Outros 109.048,27 euros diríxense a financiar a Rede Galega da Música ao Vivo, na que a Agadic asume o 85 por cento dos cachés dos grupos programados; mentres que os 54.862 euros restantes corresponden á Rede Galega de Salas, na que se achega a totalidade dos gastos de contratación dos espectáculos.

Novas salas
A programación deste segundo semestre de 2014 dá comezo mañá mércores 9 co concerto que Radio Pesquera ofrecerá na Sala Garufa da Coruña como parte da Rede Galega de Música ao Vivo, que entre os meses de xullo e decembro desenvolverá un total de 143 actuacións a cargo de 35 grupos de música e de oito compañías escénicas. Ademais, neste período estréanse nove locais do circuíto que se estende a 32 salas de 22 localidades galegas.

Pola súa banda, a Sala Gurugú da Coruña e Ingrávida do Porriño son as dúas novas incorporacións da Rede Galega de Salas, da que tamén forman parte Teatro do Andamio na Coruña, Fundación SGAE en Santiago e Teatro Ensalle en Vigo. Durante estes últimos seis meses do ano acollerán un total de 65 actuacións de teatro, danza, novo circo e maxia protagonizadas por 41 compañías profesionais.

En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios, son 201 as funcións programadas de xullo a decembro. Aínda que nela sobresae a oferta teatral tanto para público adulto como familiar, tamén ten cabida o resto do xéneros artísticos que se están a producir neste ámbito en Galicia. Un total de 37 escenarios de 32 municipios galegos acollerán estas actuacións, que serán desenvolvidas por 91 compañías escénicas e grupos musicais.

Comparte