Nova: O CGAI revisa a filmografía do cineasta de orixe brasileira Sergio Oksman

18/01/2016

O CGAI revisa a filmografía do cineasta de orixe brasileira Sergio Oksman

A Filmoteca de Galicia exhibirá cinco títulos deste realizador, de actualidade pola repercusión do seu filme ‘O futebol’ no circuíto internacional de festivais

Ademais do seu último traballo, proxectaranse ‘Notes on the Other’, ‘A Story for the Modlins’, ‘A esteticista’ e ‘Goodbye America’
 

  • Ciclo do cineasta Sergio Oksman Ciclo do cineasta Sergio Oksman

A Coruña, 18 de xaneiro de 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) dedícalle dúas xornadas á obra de Sergio Oksman, cineasta de orixe brasileira establecido en España desde hai anos, do que se proxectarán cinco títulos. Cunha traxectoria fondamente vinculada ao ámbito do documental, o realizador atópase de actualidade pola gran repercusión que está a ter o seu último traballo, ‘O futebol’, entre a crítica especializada e no circuíto internacional de festivais.

Estreado na pasada edición do Festival de Cine de Locarno, o filme xira arredor da complicada relación entre Sergio e o seu pai, ao que non viu en máis de 20 anos, co Mundial de Fútbol de 2014 en Brasil como pano de fondo. Poderá verse mañá martes, ás 20.30 horas, na sala de proxeccións do CGAI na Coruña.

Premio Goya
Na sesión anterior, programada para as 18.00 horas, exhibiranse dous traballos realizados en 2012: ‘Notes on the Other’, sobre os dobres de Ernest Hemingway, e ‘A Story for the Modlins’, fita gañadora do Goya á mellor curtametraxe documental, ademais de recibir premios nos festivais de Varsovia e Karlovy Vary, entre outros. A película achéganos o personaxe de Elmer Modlin, quen despois de intervir en ‘La semilla del diablo’, de Roman Polanski, fuxiu coa súa familia a España. Trinta anos despois, centos de fotografías e documentos íntimos apareceron ciscados na beirarrúa, material a través do que se intenta reconstruír o crebacabezas para unha suposta historia dos Modlin.

A xornada do mércores arrancará ás 18.00 horas con ‘A esteticista’, que se achega aos experimentos do médico nazi Joseph Menguele a partir dunha das mulleres que os sufriu, e continuará ás 20.30 horas con ‘Goodbye America’, documental sobre Al Lewis, o avó da televisiva familia Monster.

Nado en Brasil en 1970, Oskman estudou xornalismo en São Paulo e cinema en Nova York. En 1999 instálase en Madrid e comeza a traballar co produtor Elías Querejeta, co que dirixiu seis documentais. Paralelamente, fundou a produtora Dok Films, que desde o ano 2000 realizou preto de 15 documentais, principalmente para televisión en España e Portugal. Ao tempo, o realizador desenvolveu unha destacada traxectoria docente vinculada ao Instituto do Cine de Madrid, ao Máster de Documental Creativo da Universidad Rey Juan Carlos e ao taller de documentais da Escuela de Cine de Madrid (ECAM).

Os seus filmes téñense proxectado en máis de 200 festivais de todo o mundo, incluíndo Sundance, San Sebastián ou a Viennale de Viena, e recibiron uns 40 recoñecementos internacionais.

A programación completa do Centro Galego de Artes da Imaxe, así como a información sobre horarios e venda de entradas, pode consultarse no web www.cgai.gal.
 

Comparte