Nova: Nova edición de ALT Procrea, programa de apoio para artistas galegas en todo o seu proceso creativo

04/03/2016

Nova edición de ALT Procrea, programa de apoio para artistas galegas en todo o seu proceso creativo

A iniciativa enmárcase no Festival Alternativo de Artes Escénicas 2016, que se celebrará en Vigo do 9 ao 13 de marzo

  • ALT Procrea recupera a súa visión ao exterior e convida a austríaca Iris Heitzinger & Editta Braun Company a presentar ‘Paula’, unha peza vinculada directamente coa muller

Vigo, 4 de marzo de 2016.- O Festival Alternativo de Artes Escénicas de Vigo (ALT) acolle na súa décimo quinta edición unha nova entrega do programa ALT Procrea, “unha iniciativa que a Xunta de Galicia vén apoiando co convencemento da necesidade de poñer en primeiro termo a tarefa creativa protagonizada polas mulleres”, segundo asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Casa Arines de Vigo. No acto presentouse a nova entrega deste programa, coordinado por Roberto Taboada, que ven sendo a vertente feminina do Festival ALT, que celebrará a súa nova edición na cidade de Vigo do 9 ao 13 de marzo.

Calidade e capacidade discursiva das artistas actuais
“Non se trata dunha liña de programación de apoio a un sector social minoritario, nin a un ámbito, o da cultura, no que a muller sexa un axente acabado de chegar”, dixo Anxo Lorenzo. “Estamos –engadiu– nun espazo social, o da creación cultural, no que a muller foi gañando terreo desde hai décadas, pero que, con todo, conta aínda cunha eiva en etapa de superación que é a escasa visibilización desta tarefa en primeiro termo”. Para iso, segundo explicou, “é importante contar con programacións que sexan mostra patente da calidade artística e da capacidade discursiva, é dicir, de construción cultural, das artistas actuais”.

Novos espazos discursivos
Finalmente, concluíu agradecendo “esta aposta por buscar vías de programación alternativas que enriquezan a oferta de propostas que un público como o de Vigo sempre é capaz de entender e acoller con interese” e desexou que “a nova edición do ALT, e concretamente as propostas en clave feminina, teñan todo o éxito de público e que consoliden novos espazos discursivos dentro da programación cultural do noso tempo”.

O secretario xeral de Cultura participou na presentación do programa xunto con Roberto Taboada, coordinador do programa; coa directora do Festival ALT, Lola Correa; e mais coa directora da Unidadede de Igualdade da UVigo, Anabel Penín.

Protagonistas da nova edición
ALT Procrea en feminino é un programa especial que se inclúe dentro do Festival ALT.16 e que ten como obxectivo principal darlle cabida especifica ás creadoras. A edición deste ano conta con traballos de varias artistas. No caso do proxecto ‘Ensaio amor’, de Nuria Sotelo, unha coprodución do propio programa e o Festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura froito da conciliación, a precariedade laboral e o amor, temos a presentación final dun itinerario creativo que se acompoñou en anteriores edicións do programa.

A creadora madrileña Louisa Merino imparte un curso de inmersión creativa, para unha selección de performes galegas, de cara á elaboración performativa dunha peza autobiográfica, mentres que Ana Vallés presenta a última creación de Matarile Teatro, ‘El cuello de la jirafa’, que bebe escenograficamente do proxecto ‘In Time’, realizado o ano pasado en ALT Procrea.

Mercé de Rande, creadora galega radicada en Suíza, dará a coñecer o proxecto ‘lost & dead in thunderland’, resultado final de tres anos de investigación apoiada no programa, a través dunha performance danzada completada cunha exposición. Finalmente, ALT Procrea recupera a súa visión ao exterior e convida a austríaca Iris Heitzinger & Editta Braun Company a presentar ‘Paula’, unha peza vinculada directamente coa muller.

Espazos abertos á participación
O programa desta nova edición tamén convida á participación do público nunha charla-coloquio que terá lugar o día 12 ás 12 horas na Casa Arines, onde intervirán as propias creadoras, ademais, de contar coa participación de figuras relevantes da xestión cultural e a literatura teatral, como son a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia; a escritora, crítica teatral e profesora de teoría Teatral na ESAD, Inma López Silva; e mais a dramaturga Sara Molina.

Apoio e acompañamento ao proceso creativo
ALT Procrea é un programa de apoio e acompañamento para creadoras galegas en todas as etapas do seu proceso creativo. Con este fin, póñense ao seu dispor os recursos materiais que precisen para o seu desenvolvemento, ao tempo que se comparten coas creadoras os recursos inmateriais de coñecemento, asesoramento e participación en redes e na procura de complicidades con outras estruturas de creación e exhibición, tanto nacionais como internacionais.

No marco do Festival ALT, lévanse a cabo presentacións públicas dos proxectos nos distintos momentos da súa xestación para provocar a complicidade dos espectadores en xeral e dos/das programadores/as en particular, na procura de apoios económicos a través do micromecenado en directo. A participación no programa ten unha duración dun ano, coa posibilidade de ampliar ese tempo segundo as necesidades de cada creadora.

Comparte