Nova: Curso de danza clásica e repertorio de Don Quixote no Centro Coreográfico Galego

21/03/2016

Curso de danza clásica e repertorio de Don Quixote no Centro Coreográfico Galego

A interpretación do ballet clásico de Marius Petipa centrará as cinco sesións cos mestres cubanos Marta García e Orlando Salgado, ex-primeiros bailaríns do Ballet Nacional do seu país e actualmente profesores no Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso de Madrid

O CCG esgotou as prazas dispoñibles para este encontro, que se desenvolverá na Coruña desde hoxe e ata o día 25
 

A Coruña, 21 de marzo de 2016.- Os mestres cubanos Marta García e Orlando Salgado imparten desde hoxe na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña un curso de danza clásica e repertorio do ballet ‘Don Quixote’, ao que asiste unha trintena de alumnos e para o que se esgotaron todas as prazas ofertadas.

No encontro, que se estenderá ata o vindeiro venres 25 arredor de cinco sesións matinais, participan tanto estudantes como bailaríns profesionais co obxectivo de afondar na técnica interpretativa da coreografía de Marius Petipa sobre a partitura de Ludwig Minkus e que se sitúa, xunto con ‘O lago dos cisnes’, entre os ballets rusos máis populares. Farano, ademais, xunto a dúas primeiras figuras da danza cubana como son Marta García e Orlando Salgado, ex-primeiros bailaríns do Ballet Nacional de Cuba e, na actualidade, profesores convidados do Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid.

Traxectorias internacionais
No caso de Marta García, exerceu durante máis de 30 anos como primeira bailarina do Ballet Nacional do seu país, co que realizou actuacións en máis de 50 países de todo o mundo e onde traballou, así mesmo, como profesora, coreógrafa e repetidora. Foi tamén profesora da Universidad de las Artes de Cuba e directora do Ballet Estable do Teatro Colón de Bos Aires entre 2001 e 2004.

Pola súa banda, Orlando Salgado conta igualmente cunha ampla traxectoria como primeiro bailarín e mestre no Ballet Nacional de Cuba, onde foi parella de baile de Alicia Alonso, e como profesor da Universidad de las Artes na Habana. Traballou, así mesmo, no Ballet Estable do Teatro Colón porteño e, xa en España, no Ballet de Carmen Roche e no Scaena, onde foi directos adxunto.

Comparte