Nova: O audiovisual galego amplía a súa presenza no mercado internacional MIPTV de Cannes cunha delegación de 14 empresas
04/04/2016
O audiovisual galego amplía a súa presenza no mercado internacional MIPTV de Cannes cunha delegación de 14 empresas
A Agadic conta coa colaboración do Igape para promover esta misión comercial de na meirande feira de formatos, programas e contidos dixitais e para televisión, que arranca hoxe nesta cidade francesa
Participan Artefacto, Ficción, Filmanova Invest, International Audiovisual Communication, Intuitive Productions, Matriuska, Maruxiña Films, Obradoiro Cab Sad, Portocabo, Somadrome, Tree Line, Vía Láctea, Voz Audiovisual e Zenit TV
Santiago, 4 de abril de 2016.- Un total de 14 empresas integran a misión comercial galega no mercado internacional MIPTV de Cannes, coordinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O noso audiovisual amplía así a presenza que vén mantendo nos últimos anos na meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión, motivo polo que este encontro é unha das principais citas do programa de internacionalización promovido pola Xunta baixo a marca ‘Films from Galicia’.
Os representantes de Artefacto Producciones, Ficción Producciones, Filmanova Invest, International Audiovisual Communication, Intuitive Productions, Matriuska Producciones, Maruxiña Films, Obradoiro Cab Sad, Portocabo, Somadrome, Tree Line Distribution, Vía Láctea Filmes, Voz Audiovisual e Zenit TV desprazáronse a Cannes, onde desde hoxe e ata o vindeiro día 7 buscarán socios e compradores internacionais tanto para os seus novos proxectos como para os produtos xa en fase comercial. Ao mercado asiste, así mesmo, unha delegación de Televisión de Galicia.
A día de hoxe, estas compañías xa teñen concertadas unha media de 18 reunións coa mirada posta fundamentalmente no mercado europeo (Alemaña, Austria, Bélxica, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Reino Unido, República Checa, Suecia e Ucraína) e americano (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Estados Unidos e México), pero tamén no asiático a través de xuntanzas con axentes de China e Hong Kong.
‘Films from Galicia’
Como en anos anteriores, o punto de encontro desta misión institucional e empresarial é o espazo da marca ‘Films from Galicia’ dentro do pavillón español, organizado polo Instituto de Comercio Español (ICEX) en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal. Para a organización da delegación galega a Agadic contou, ademais, coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e do Clúster Audiovisual Galego (Clag).
Baixo esta mesma marca, dedicada á promoción internacional do audiovisual de produción galega, a Agadic está a distribuír a nova edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no apartado ‘TV from Galicia’ recolle moitos dos títulos desenvolvidos polas empresas da delegación galega: ‘Códice’ e ‘Hospital Real’, de Ficción Producciones; ‘The Avatars’, ‘Luci’, ‘Os fillos do sol’ e ‘Hierro’, de Portocoabo; ‘Urxencia Cero’, ‘Serramoura’ e ‘Padre Casares’, de Voz Audiovisual; e A vida é doce’ e ‘Casamos’, de Zenit Televisión.
Vendas internacionais
Ademais, xunto coas vendas internacionais de ‘Hospital Real’ e ‘Códice’, Ficción Producciones promoverá no mercado francés tres novos proxectos: a serie de animación ‘TUTU’, o filme de animación coproducido con México ‘Día de muertos’ e unha coprodución europea para unha serie de tv.
Así mesmo, Artefacto chega cun novo proxecto de animación baixo o título ‘Renata The Spider’, ao tempo que ten previsto desenvolver a última fase de comercialización internacional de ‘O apóstolo’, mentres que Intuitive Productions centrarase na comercialización de diferentes documentais: os proxectos ‘On the Edge of the Mind’ e ‘ExoMars: Searching for Life on the Red Planet’; a serie ‘Life in Outer Space’, actualmente en fase de posprodución; e catro títulos xa rematados (‘The Climate Blueprint’, ‘Red Ice’, ‘Pluto’ e ‘Is Anybody Out There?’).
O xénero documental centrará tamén o traballo de Obradoiro Cab Sad no MIPTV, onde presenta ‘El Camino acaba en el Obradoiro’. Ademais, Filmanova intentará buscar cofinanciadores para varios dos seus proxectos; e Vía Láctea Filmes, ampliar as vendas internacionais de ‘A Esmorga’.
En canto a Matriuska Producciones, que se atopa tamén na última fase de vendas internacionais do filme ‘As altas presións’, traballará na procura de socios e distribución para un novo proxecto televisivo e para a longametraxe ‘A estación violenta’, xa en fase de produción.
A do MIPTV en Cannes é unha das máis importantes citas internacionais do sector cara á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión. O evento reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 rexístranse como compradores.