Nova: A capital de Galicia acolle unha das mellores coleccións de iconas rusas

13/07/2016

A capital de Galicia acolle unha das mellores coleccións de iconas rusas

A  exposición permanecerá aberta ao público ata final de ano no Museo das Peregrinacións e reúne preto de 300 obras de gran calidade artística e riqueza iconográfica

O conselleiro de Cultura agradeceu a colaboración da familia Santos-Illueca, que cedeu a colección de xeito desinteresado

Santiago, 13 de xullo de 2016.- Ata finais deste ano pódese visitar no Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Compostela, a mostra de iconas rusas da colección da familia Santos-Illuecas, que está depositada neste espazo museístico.

Trátase de preto de 300 obras de gran calidade técnica e artística vinculadas coas distintas escolas que traballaron baixo a órbita da igrexa ortodoxa rusa e procedentes dos diversos países que conformaban a área soviética: Estonia, Letonia, Lituania, Bielorrusia, a antiga Checoslovaquia e Ucraína, ademais de Rusia. As iconas son un produto da igrexa oriental dos primeiros séculos do cristianismo, similar ao que poden ser as efixies dos santos para o catolicismo. Cunha tradición de máis de mil anos de historia, tiñan como fin axudar ao fiel na súa oración; e incluso a moitas delas atribúenselle dotes milagreiras.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, inaugurou esta tarde a exposición, nun acto no que estivo acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e da directora xeral de Patrimonio, María Carmen Martínez Ínsua; así como de representantes do Concello; do director do Museo das Peregrinacións, Bieito Pérez; e do comisario da mostra, Xoel Rodríguez Martínez.

Román Rodríguez convidou a achegarse a este recinto museístico na súa nova sede para contemplar o que cualificou como unha mostra “excepcional e única” tanto pola súa temática como pola variedade de temas que se expoñen e o óptimo estado de conservación das pezas.

“Esta colección de valor incalculable −matizou o conselleiro− sería imposible sen a colaboración, totalmente desinteresada, dos Santos-Illueca, que cederon todas as iconas, e que confiaron a unha institución pública un conxunto arquitectónico e patrimonial desta categoría para o estudo, exposición e difusión de todos os galegos”.

Comparte