Nova: As Feiras do Libro de Galicia levan a Rianxo as novidades editoriais e actividades para todos os públicos

21/07/2016

As Feiras do Libro de Galicia levan a Rianxo as novidades editoriais e actividades para todos os públicos

Recoñecidos escritores e escritoras participarán desde hoxe e ata o domingo neste encontro promovido pola Federación de Librarías de Galicia e pola Consellería de Cultura

Ata final de agosto, as feiras tamén estarán nos concellos da Coruña, de Viveiro, de Foz e de Monforte de Lemos

Rianxo, 21 de xullo de 2016.- As Feiras do Libro de Galicia fan parada esta semana no municipio de Rianxo, onde estarán desde hoxe e ata o domingo 24 de xullo na praza Castelao. A nova edición da feira, que inclúe unha completa e variada programación de actividades, foi inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que destacou o municipio como “berce de ilustres escritores”, en referencia a autores como Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio.

“Este protagonismo de Rianxo nas letras galegas sae reforzado con citas como a que agora inauguramos”, afirmou o secretario xeral, ao tempo que se referiu á condición do concello de “epicentro galego do libro e da dinamización da lectura durante os próximos días”.

A Feira do Libro de Rianxo abriu hoxe as súas portas para lle achegar á cidadanía, ata o vindeiro 24 de xullo, a produción editorial máis recente, a través das librerías que participan na edición deste ano e de recoñecidos escritores e escritoras, entre as que se inclúen María do Cebreiro –encargada de ler o pregón–, Xosé Manuel Lobato, Miro Villar, Alberto Canal e Ramón Caride, entre outros.

Ademais, para dinamizar o encontro, desenvolverase unha completa e variada programación de actividades, que inclúe 20 propostas para todos os públicos. A música, que abriu a feira, estará tamén presente co concerto infantil Canta o cuco, con Uxía e Magín Blanco, e promovido pola Agadic; coa actuación da Banda Ateneo de Negreira e co espectáculo que ofrecerá Roi Casal. Tampouco faltarán as artes escénicas, con maxia e un festival de danza; os contacontos, obradoiros e coloquios arredor de novidades editoriais.

Recta final das feiras
Logo de percorrer desde abril os concellos de Pontevedra, Ferrol, Santiago, O Porriño, Redondela, Ribeira, Ourense, Lugo e Vigo, as Feiras do Libro de Galicia chegarán nas próximas semanas aos municipios da Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), de Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); de Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, de Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto), onde porán fin ao seu percorrido polas catro provincias galegas.

Comparte