Nova: A música, o cine e a oralidade, protagonistas da programación cultural no Pazo de Mos

04/08/2016

A música, o cine e a oralidade, protagonistas da programación cultural no Pazo de Mos

Concertos de Treixadura, de Tiruleque e da Galicia Fiddle Orquestra, un ciclo de cinema e un contacontos centran as propostas para as próximas semanas

As actividades son froito do protocolo de colaboración asinado este ano pola Fundación Pazo de Mos e pola Consellería de Cultura e Educación
 

  • detalle do cartel do festival O Son do Pazo detalle do cartel do festival O Son do Pazo

Mos (Pontevedra), 4 de agosto de 2016.- A música, o cine galego e a oralidade centran a programación cultural das próximas semanas no Pazo de Mos, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e mais polo presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Barciela.

Concertos, actividades en familia para fomentar o uso do galego e unha selección da creación audiovisual galega actual conforman as propostas desta nova programación, na que “a música terá un especial protagonismo”. Así o explicou o secretario xeral de Cultura ao se referir ás tres actuacións musicais que se inclúen no programa.

Dúas delas terán lugar a próxima semana no marco do II Festival Intercéltico O Son do Pazo, a cargo do grupo de música tradicional galega Treixadura, que actuará o sábado 13 de agosto, e mais da formación Tiruleque, cun concerto o día anterior, o 12 de agosto, ambos nas inmediacións do pazo.

Novos talentos da música de corda

As propostas musicais complétanse co concerto que ofrecerá o sábado 10 de setembro, ás 20:30 horas, a Galicia Fiddle Orquestra, no marco do programa Galicia Culturea. Cultura e lingua no verán, da Consellería de Cultura e Educación. “O espectáculo correrá a cargo dos pequenos instrumentistas de corda –a maioría deles do sur de Pontevedra– que forman parte desta agrupación musical sen precedentes en toda a Península, nacida ao abeiro do campamento musical San Simón Fiddle”, afirmou Anxo Lorenzo.

Contacontos para dinamizar o galego

Tamén no marco do programa Galicia Culturea chegará ao pazo de Mos, o próximo 22 de agosto, ás 20:00 horas, ‘Os contos do zapateiro’, unha actividade de rúa para público familiar destinada a poñer en valor a oralidade en lingua galega. Os lances máis divertidos dos protagonistas da saga do zapateiro editada por Bolanda chegarán este verán a 16 entidades da Rede de Dinamización Lingüística. A cativada asistente recibirá cadanseu exemplar do libro do mesmo título para darlle continuidade á narración na casa.

Difusión do cinema actual

O audiovisual completa a programación de actividades, cun ciclo de cinema galego que difundirá no concello de Mos unha mostra do traballo que está a realizar o sector con proxeccións de diversos filmes, entre os que se inclúen ‘Los fenómenos’, ‘Inevitable’ e ‘Meñique’, entre outros.

O protocolo de colaboración asinado o pasado mes de xaneiro entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Pazo de Mos materialízase en 2016 nestas actividades, promovidas a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A programación pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da páxina web www.cultura.gal.
 

Comparte