Nova: O legado do caricaturista galego José María Cao Luaces chega a Vigo nunha exposición itinerante

09/08/2016

O legado do caricaturista galego José María Cao Luaces chega a Vigo nunha exposición itinerante

O Edificio Administrativo da Xunta de Galicia exhibe ata final de mes a obra deste esquecido debuxante lucense, considerado o patriarca da caricatura arxentina

O obxectivo da exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e o Club de Prensa de Ferrol, é recuperar o legado do artista e difundilo entre a cidadanía

  • Don Quixote por Cao Luaces Don Quixote por Cao Luaces

Vigo, 9 de agosto de 2016.- A cidade de Vigo acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto a exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’, promovida pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura– e polo Club de Prensa de Ferrol.

Na súa itinerancia polas catro provincias galegas, iniciada o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, a mostra chega hoxe a Vigo para seguir difundindo entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina.

Este proxecto expositivo sobre José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina, reúne unha escolma de caricaturas do artista a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo.

Próximos destinos

Logo do seu paso pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola e pola sala José Ángel Valente de Ourense, a mostra chegará á Biblioteca Pública de Lugo, do 2 ao 28 de setembro; á Casa da Cultura de Melide, do 30 de setembro ao 25 de outubro; á Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, do 27 de outubro ao 27 de novembro; e á sala de exposicións de Sargadelos en Cervo, onde rematará a itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro.

Un ciclo de conferencias a cargo do debuxante e xornalista Siro López completa este proxecto, con sesións que se realizarán o día 10 de novembro na González Garcés e o 29 de novembro en Cervo, co obxectivo de afondar no legado deste esquecido artista de Cervo que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.

Un valioso legado artístico

Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.

Comparte