Nova: As andainas de Monumenta percorren a Vía Nova Romana e os Camiños do Sal do Ulló

17/08/2016

As andainas de Monumenta percorren a Vía Nova Romana e os Camiños do Sal do Ulló

Na súa viaxe pola calzada bimilenaria ao seu paso por Bande e Rairiz de Veiga, o ciclo afondará o 20 de agosto na riqueza paisaxística e arqueolóxica da zona

A xornada do domingo 21 transcorrerá nas salinas e marismas de Vilaboa, cun achegamento a un dos poucos exemplos de muíño de mareas

Ata o 27 de agosto, Monumenta propón rutas a pé para descubrir e vivir o patrimonio cultural das catro provincias galegas

  • Camiños do Sal do Ulló

Santiago, 17 de agosto de 2016.- A cuarta edición de Monumenta’ ofrece esta semana novas andainas para descubrir e vivir o patrimonio cultural galego. O sábado 20, o ciclo da Consellería de Cultura e Educación viaxará ata os concellos de Bande e Rairiz de Veiga, en Ourense, a través da Vía Nova romana.

Seguindo os pasos desta calzada bimilenaria de alto valor patrimonial, ‘Monumenta’ achegarase á riqueza natural, orográfica, paisaxística, etnográfica e arqueolóxica da zona, con paradas nos miliarios do Padrón e no castro de San Miguel, ademais de se achegar a numerosos tipos de mostras da cultura popular, como fornos, muíños, capelas, fontes e corredoiras.

Esta xornada, na que tamén haberá tempo de compartir contos e historias da raia no Parque Natural do Xurés, conta co arqueólogo David de Bande e con Rubén Perdiz, da Asociación Arnau, como camiñantes convidados. O gaiteiro e mestre na arte da cestería Toño Cesteiro será o encargado de pórlle música á xornada, na que tamén participará Xurxo Souto.

Ao día seguinte, o domingo 21, ‘Monumenta’ deterase nas salinas e marismas do Ulló do concello de Vilaboa, situadas no fondo da ría de Vigo. Construídas en 1637, as salinas, xunto coa marisma, constitúen unha contorna de incalculable valor ecolóxico e de gran beleza paisaxística, eixo central dunha ruta a pé que levará os camiñantes polas ruínas da Granxa das Salinas e mais por un dos poucos exemplos de muíño de mareas.

Á descuberta do patrimonio
Igrexas, castelos, muíños, castros, torres e vías romanas, que se relacionan co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística, son algunhas das propostas da cuarta edición deste ciclo para a descuberta do patrimonio cultural galego, que se desenvolve desde o pasado 30 de xullo e que rematará o vindeiro 27 de agosto.

Para participar nas andainas
Algunhas das actividades do ciclo ‘Monumenta’ requiren inscrición previa nun prazo determinado e o pago da entrada nalgúns edificios privados será por conta dos participantes. No caso das andainas do sábado 20 e do domingo 21 de agosto non é necesaria a inscrición para participar.

A información completa do ciclo pode consultarse na páxina web de Cultura da Xunta de Galicia, en www.cultura.gal e en https://galiciamonumenta.wordpress.com/

Comparte