Nova: Publicada a primeira edición en inglés de Follas novas
05/09/2016
Publicada a primeira edición en inglés de Follas novas
Traducida por Erín Moure, a obra New Leaves acaba de ver a luz na colección Galician Classics
O secretario xeral de Cultura entregoulle hoxe á Fundación Rosalía de Castro varios exemplares do volume, que reforza a proxección da escritora e da literatura galega no contexto internacional
Padrón, 5 de setembro de 2016.- A proxección internacional da obra de Rosalía de Castro recibe un novo impulso coa primeira edición en inglés do poemario Follas novas, que acaban de publicar a Xunta de Galicia e o selo Small Stations Press no marco da colección Galician Classics.
Traducida pola canadense Erín Moure, a obra New Leaves nace co obxectivo de contribuír a “afianzar e a espallar aínda máis a obra rosaliana no contexto internacional”, asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que esta mañá lle facía entrega ao presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, de varios exemplares do volume na sede da casa-museo da escritora, en Padrón.
Difusión exterior da obra rosaliana
“A tradución ao inglés deste poemario é unha novidade que abordamos con entusiasmo, tanto desde Small Stations Press, editora que dirixe Jonathan Dunne, como desde a Xunta de Galicia, nesa colección conxunta de clásicos en galego que vimos facendo medrar ano tras ano, para dar a coñecer os nosos mellores escritores e escritoras fóra de Galicia”, afirmou Anxo Lorenzo, que se amosou convencido de que, “canto máis se coñeza, máis admirada e máis acollida vai ser a obra de Rosalía, de aí o interese do Goberno galego por contribuír a que o seu legado literario se difunda fóra das nosas fronteiras”.
Con New Leaves amplíase un proxecto no que se publicaron nos últimos anos outras obras de referencia da literatura galega traducidas ao inglés, como son Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, unha escolma poética de Lois Pereiro; Nimbos, de Díaz Castro; e mais Cantares gallegos, que vía tamén a luz de xeito íntegro en inglés, por vez primeira, en 2013, coincidindo co 150º aniversario do poemario.
A literatura galega en inglés, na rede
Para avanzar neste obxectivo, a Secretaría Xeral de Cultura tamén está a promover iniciativas como Portic of Galician Literature, o portal web da literatura galega en inglés, no que se inclúe unha mostra de obras de referencia de diversos escritores e escritoras galegos, como Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Anxos Sumai, Elena Gallego, Diego Ameixeiras, Elena Gallego, Marilar Aleixandre, Teresa Moure, Xavier Queipo etc., e que está accesible en www.galicianliterature.gal.